APEHL

PROGRAMA BONO NOVA OPORTUNIDADE PERSOAS AUTÓNOMAS

a) Bono apoio: concederáselles unha axuda de 6.000 euros ás persoas que estivesen inscritas como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego antes da data de solicitude ou da data de alta no Réxime especial de traballadores autónomos (RETA).

b) Bono formación: a persoa beneficiaria recibirá unha axuda de ata 6.000 euros para realizar un mínimo de 70 horas de formación nas seguintes materias: formación xerencial, xestión comercial ou financeira, mercadotecnia dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio a emprender e así se xustifique. Esta formación poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas e deberá estar finalizada no prazo comprendido de tres meses antes da alta ata o 31 de outubro de 2020.

O gasto orixinado deberase producir no período subvencionable, que será desde 3 meses antes do alta ata o 31 de outubro de 2020 e deberá ser efectivamente xustificado, mediante certificado de asistencia e as facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Non se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A axuda máxima total será de 12.000 euros.

PERSOAS BENEFICIARIAS

As persoas que se dean de alta no RETA no período de 1 de xaneiro de 2020 a 30 de setembro de 2020 e cesasen con anterioridade na súa actividade e causaron baixa na Seguridade Social e no imposto de actividades económicas (IAE) por causas económicas e que cumpran os seguintes requisitos na data da solicitude ou data de inicio de actividade segundo o modelo 036 ou 037 para as persoas que xa se deron de alta antes da solicitude:

  • Que o cesamento se producise con seis meses de antelación polo menos.
  • Que cotizase mínimo 6 meses con anterioridade no RETA.
  • Estar inscrito como demandante de emprego.
  • Darse de alta no RETA desde o 1/01/2020 ata o 30/09/2020.
  • Realizar unha formación mínima de 70 horas sobre formación xerencial, xestión comercial ou financeira, mercadotecnia dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio a emprender e así se xustifique.
  • Que as persoas desempregadas teñan o domicilio fiscal e desenvolver a súa nova actividade en Galicia.

DEBERES DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

Son deberes das persoas beneficiarias das subvencións:

a) Permanecer de alta no RETA mínimo dous anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira fidedigna.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

REQUISITOS

a) Que o cesamento da actividade se producise con seis meses de antelación polo menos.

b) Que cotizase anteriormente a esta nova alta ininterrompidamente polo menos durante 6 meses durante a súa vida laboral no Réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

c) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego. Carecer de ocupación efectiva e non ter contrato laboral en vigor segundo informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

d) Darse de alta no Réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de setembro de 2020.

e) Realizar unha formación de mínimo 70 horas sobre formación xerencial, xestión comercial ou financeira, mercadotecnia dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio a emprender e así se xustifique, que estea finalizada no prazo de 3 meses antes da alta e ata o 31 de outubro de 2020.

f) Que as persoas desempregadas teñan o domicilio fiscal e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.