APEHL

Microcréditos 2020. Préstamos avalados para apoiar ás miciroempresas no contexto do actual brote de covid-19.

13.07.2020. 

Finalidade/Obxectivo

Favorecer o acceso a préstamos a longo prazo para acceso a liquidez para as microempresas cuxas actividades se atopen afectadas polo actual brote de covid-19.

Tipos de apoio

O Igape reavalará ata un máximo do 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas.

O Igape subvencionará a fondo perdido un importe equivalente á suma dos xuros dos préstamos concedidos ao abeiro desta liña de financiamento.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias as microempresas (incluídos os autónomos), isto é, empresas que ocupen a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non supere os 2 millóns de euros, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.
b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no Anexo I.

2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias:


a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión Comisión Europea.


b) As empresas en crise.


c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei de subvencións de Galicia.


Ademais, para ser beneficiaria desta liña de financiamento, deberán formalizar un préstamo a un prazo máximo de 5 anos, que será aplicado do seguinte xeito:

1) Un mínimo do 35% do seu principal será aplicado ao pagamento dos seguintes conceptos de gasto: pagamentos a provedores de mercadorías, materias primas e aprovisionamentos; pagamentos a acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións; pagamento de nóminas e seguros sociais; gastos financeiros operativos; pagamento de impostos e primas de seguros en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

2) Un máximo do 65% poderá ser aplicado á cancelación de débedas bancarias e outros conceptos, sempre e cando correspondan a algunha das seguintes modalidades:

- Pagamento de cotas de préstamos, leasing e /ou renting vencidas ou que venzan durante os tres meses seguintes á data de formalización.


- Pagamento de saldos dispostos de pólizas de crédito, sempre que estas incrementen o seu dispoñible na contía da aplicación do préstamo a esta finalidade, e se manteñan abertas ata o seu vencemento.


- Débedas bancarias vencidas, cuxo vencemento se producise con posterioridade ao 1 de marzo de 2020.


- A comisión do aval, así como as achegas ao capital das sociedades de garantía recíproca.

Requisitos principais do proxecto

1) Importe.
O importe do préstamo que se avale deberá ser igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 20.000 €.


2) Prazo.
O prazo máximo do préstamo que se avale será de 5 anos, incluíndo 1 ano de carencia, como máximo.


3) Tipo de xuro.
O tipo de xuro nominal anual que poderán cobrar as entidades de créd ito para as operacións de préstamo previstas nesta liña será fixo, cun máximo do 1,50 %.


4) Subvención ao tipo de xuro.
O Igape poderá subvencionar a fondo perdido un importe equivalente á suma dos xuros dos préstamos concedidos ao abeiro desta modalidade.
A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagarase á beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento conforme o artigo 11 das bases reguladoras. No caso de amortización anticipada do préstamo, a titular deberá reintegrar ao Igape a diferenza entre os xuros aboados e o importe da subvención.


5) Comisións.
As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir en concepto de apertura e estudo serán do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.
As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de aval, calculada para toda a vida da operación sobre o saldo vivo anual previsto do importe avalado e que será cobrada por anticipado; e ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado en concepto de achega ao capital social da SGR, que se aboará igualmente ao inicio da operación. Ambos os importes poderán ser financiados co préstamo avalado. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez que remate a súa relación coa SGR.


6) Garantías.
A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR polo 100 % do risco.
As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.


O máximo prazo de disposición e aplicación do préstamo ás finalidades previstas, finalizará aos 6 meses dende a data de formalización do préstamo.

Contía das axudas

Axuda en forma de garantía. Reaval ante SGR.
O Igape poderá subvencionar a fondo perdido un importe equivalente a suma dos xuros dos préstamos concedidos ao abeiro desta modalidade.

Prazo de presentación de solicitudes
O 30 de outubro de 2020 ou ata que se esgote o crédito orzamentario.

Información y tramitación
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51/ 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es


Observacións

Relación de entidades financeiras adheridas:

- Caixa Rural Galega

- Abanca

- Bankinter

- Banco Bilbao Vizcaya Argentaria

- Banco de Sabadell

- Banco Santander

- Caixabank

 

Toda a información, na normativa publicada no DOG   

Descargar documentación