APEHL

Axudas para a instalación, reforma e adaptación de terrazas e adquisición de envases para consumo a domicilio

  • Finalidade 

Estas axudas teñen como obxecto subvencionar as seguintes actividades:

1. Instalación, reforma e adecuación das terrazas dos establecementos de hostalería e restauración, sitas en espazos públicos ou privados, na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Adquisición de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio.

 

  • Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

2. Exímese ás persoas beneficiarias desta subvención do requisito de atoparse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, no momento da concesión da axuda e do pagamento do anticipo concedido.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas nas que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei, as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

4. Ademais deberán cumprir as seguintes condicións:

- Que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

- Que empreguen menos de cincuenta (50) traballadores.

- Que estean dados de alta nalgúns dos epígrafes do IAE que se relacionan no anexo I.

Epígrafes do IAE subvencionables:

Agrupación 67. Servizos de alimentación.

Grupo 671. Servizos en restaurantes.

Grupo 672. En cafeterías

Grupo 673. De cafes e bares, con e sen comida.

Epígrafe 673.1. De categoría especial.

Epígrafe 673.2. Outros cafés e bares.

Grupo 675. Servizos en quioscos, caixóns, barracas ou outros locais análogos, situados en mercados ou prazas de abastos, ao aire libre na vía pública ou xardíns.

Grupo 676. Servizos en chocolaterías, xeaderías e horchaterías.

Epígrafe 677.9.- Outros servizos de alimentación propios da restauración.

 

  • Inversións ou gastos computables

1. Terá a consideración de terraza a instalación ao aire libre formada por mesas, cadeiras e outros elementos, sitas nos espazos colindantes, ou non, a un establecemento de hostalería e restauración, en solo público ou privado, no que se desenvolve de forma complementaria a actividade propia do establecemento. En todo caso, deberá ser un espazo non cuberto ou no caso de estar cuberto estar rodeado por un máximo de dous laterais.

2. En concreto considéranse actuacións subvencionables:

a) A instalación de pechamentos estables ou instalación de elementos desmontables e móviles que sirvan de illamento, acoutamento do perímetro ou protección, así como outros elementos móbiles que cumpran esta función nos laterais, cuberta e/ou chan, tales como: toldos, biombos, cortaventos, parasoles e tarimas accesibles.

b) A adecuación estética e mellora da imaxe e funcionalidade da terraza con criterios de homoxeneización estética e integración no seu contorno, mediante a renovación do mobiliario (mesas, cadeiras e xardineiras), instalación de sistemas de iluminación e de aparatos calefactores exteriores, así como actuacións de mellora da fachada exterior do local. Para seren subvencionables, os aparatos calefactores deberán ser eléctricos ou baseados noutras opcións que non impliquen combustibles fósiles e permitan dar o servizo con enerxía de fontes renovables.

En todo caso, as actuacións previstas nas letras a) e b) deberán respectar as particularidades e/ou limitacións que se determinen na correspondente ordenanza municipal que lle se sexa de aplicación e comprenderán tanto a realización das obras como a adquisición dos equipamentos subvencionables.

Recoméndase que os materiais e os acabados de remate dos elementos utilizados respondan a un criterio de armonización coa edificación e co espazo público no que se sitúen. Como referencia desta recomendación empregaranse as pautas e criterios xerais e as específicas para cada grande área paisaxística que recolle a Guía de Cor e Materiais de Galicia.

c) A adquisición de elementos sostibles de envasado e empaquetado de comida e bebidas para o servizo de entrega a domicilio ou de recollida no propio establecemento. Todos os elementos do packaging deberán ser 100 % biodegradables. No caso de ser de plástico, deberán ser compostables, que cumpran os requisitos da norma europea vixente EN 13432:2000 «Envases e embalaxes. Requisitos dos envases e embalaxes valorizables mediante compostaxe e biodegradación. Programa de ensaio e criterios de avaliación para a aceptación final do envase ou embalaxe» e nas súas sucesivas actualizacións, así como as bolsas de plástico que cumpran os estándares europeos ou nacionais de biodegradación a través de compostaxe doméstico.

Na documentación desta actuación deberá figurar a composición da solución para a que se solicita a axuda, onde quede debidamente acreditado o seu carácter biodegradable.

 

  • Contía das axudas

A contía da axuda será do 80 % dos conceptos subvencionables, cun investimento subvencionable mínimo por solicitude de 1.500 euros.

Para as actuacións previstas no artigo 6.2.a o investimento máximo subvencionable será de 14.000 euros.

Para as actuacións previstas no artigo 6.2.b o investimento máximo subvencionable será de 7.000 euros.

Para as actuacións previstas no artigo 6.2.c o investimento máximo subvencionable será de 4.000 euros.

 

  • Prazo de presentación

O prazo de presentación comeza o 04/12/2020 ata o 28/02/2021 ou esgotamento de crédito.


Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas ás mesmas actuacións.

Anuncio completo publicado no DOG

Descargar documentación