APEHL

IG107. Axudas Galicia Emprende 2021

08.01.2021.DOGA N.º 4

Descrición

Convócanse axudas en réxime de concorrencia competitiva para novos emprendedores que desenvolvan proxectos económicos en Galicia.

Prazo de solicitude

Desde o 08.01.2021 ata o 22.02.2021

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os/as autónomos/as e as pequenas empresas que realicen unha actividade económica e teñan menos de 42 meses de antigüidade de alta na actividade na data da solicitude da axuda.

Enténdense incluídas as sociedades mercantís, cooperativas, asociacións e outras entidades con personalidade xurídica propia e as sociedades civís, comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica propia, sempre que conten con NIF e a súa constitución estea documentada e presentada a autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados.

No caso de entidades, con ou sen personalidade xurídica, a maioría do capital social ou das participacións ten que ser propiedade de persoas emprendedoras, é dicir, que non tivesen actividade económica previa ou esta sexa inferior a 42 meses na data da solicitude, excepto os supostos de reemprendemento.

No caso de que a entidade que vai desenvolver o proxecto emprendedor non estea aínda constituída, a solicitude de axuda poderá presentarse a nome dunha persoa física. Se a axuda se concedese, o/a beneficiario/a deberá solicitar o cambio de titularidade do expediente a favor da entidade creada achegando os documentos da súa constitución, que deberá axustarse aos requirimentos destas bases, e no documento de constitución deberá constar expresamente a asunción dos dereitos e obrigacións derivados da concesión da axuda por parte da nova entidade.

Requisitos principais do proxecto

Serán subvencionables os proxectos emprendedores de creación ou ampliación de pequenas empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia que á data de presentación da solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade desde a data de inicio da súa actividade (primeira alta en IAE).

Serán subvencionables tamén os proxectos de reemprendemento, entendendo como tal, exclusivamente, os autónomos que estivesen de baixa continuada de toda actividade económica por conta propia durante un período igual ou superior a 3 anos; nestes casos, os 42 meses contaranse respecto da primeira alta en actividade económica por conta propia inmediatamente posterior a dita baixa.

Ningún dos custos incluídos na solicitude de axuda poderá estar realizado nin comprometido antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. De ser así, o proxecto considerarase non subvencionable na súa totalidade. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable. O proxecto debe estar terminado como moi tarde o 31 de xullo de 2022.

Investimentos e gastos subvencionables

a) Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, segundo o establecido na resolución.

b) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do medio ambiente e outros bens de equipo.

c) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario. En ningún caso se subvencionarán os vehículos de transporte externo que non teñan a consideración de vehículo especial.

d) Activos inmateriais: activos que non teñen unha materialización física ou financeira, como patentes, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual e páxinas web.

e) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os requisitos sinalados na resolución.

f) Gastos de persoal de nova contratación.

g) Gastos de aluguer de locais. Non poderán imputarse custos por este concepto no caso de que a actividade se desenvolva na vivenda da persoa emprendedora.

h) Gastos de contratacións externas de servizos específicos: software de pago por uso, deseño gráfico, identidade corporativa, servizos de asesoramento para a posta en marcha do proxecto empresarial.

i) Os custos do informe de auditor de contas inscrito no ROAC, ata un máximo de 1.000 €.

Contía das axudas

A subvención a fondo perdido será do 80 % dos custos subvencionables, ata un máximo de 400.000 €.

 

Descargar documentación