APEHL

IG233. Galicia Rural Emprende. Creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais

05.01.2022. 

Prazo de presentación

Ata o 08.03.2022.

Obxecto
Serán subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación de actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sostenibilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.
A definición das zonas rurais realízase por eliminación daquelas zonas consideradas densamente poboadas (urbanas) nun territorio. No caso de Galicia, só teñen esa consideración os 7 concellos dos núcleos de poboación máis grandes da comunidade autónoma (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela). Considéranse tamén non admisibles, aquelas parroquias que están en concellos non urbanos pero si teñen parroquias que teñen esta característica (Zona densamente poboada). No Anexo VII inclúese a relación de parroquias non admisibles aos efectos das presentes bases.

Beneficiarios
a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.
A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.
Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.
b) Os autónomos e as microempresas e pequenas empresas de nova creación (dentro dos 12 meses anteriores á solicitude da axuda). Non se considera que existe nova creación nos supostos de cambio de natureza xurídica (de autónomo a sociedade mercantil unipersoal, por ex.) e se os socios que representen a maioría do capital social viñeran desenvolvendo a mesma actividade por conta propia dende antes dos 12 meses anteriores á data da solicitude de axuda.
2. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.
Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.
Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as persoas físicas ou xurídicas beneficiarias deste mesmo programa en convocatorias anteriores.

Sectores incentivables
Con carácter xeral serán subvencionables as seguintes actividades:
a) Obradoiros e fábricas destinadas á produción de bens e materiais.
Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.
b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).
c) Prestación de servizos a empresas en calquera sector económico (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos, ...).
d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).
e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.
f) Artesanía e actividades artesanais.
g) Actividades baseadas nas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TICs),
innovación tecnolóxica e comercio electrónico.
h) Actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria.
i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.
j) No sector da hostalería, exclusivamente a creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros) que fagan uso do produto de proximidade.

Contía da axuda
A axuda consistirá nunha prima cuxa contía básica establécese en 20.000 euros, e que poderá incrementarse ata un máximo de 45.000 euros nas seguintes situacións:
a) Creación de emprego indefinido (mínimo 1 emprego UTA). A creación de emprego debe ser adicional, ademais da man de obra correspondente ao beneficiario da axuda: 20.000 euros.
b) Ubicación nunha zona con limitacións naturais ou outras limitacións específicas contempladas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013, e relacionadas no anexo VI das bases reguladoras: 5.000 euros.

Descargar documentación