APEHL

Arranca o Estase Cocendo 2020 apadriñado polo monfortino Eduardo Iglesias

21.02.2020. O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolleu esta tarde o acto inaugural do Estase Cocendo 2020. Na presentación deste mes dedicado a un dos pratos estrela da comarca, o cocido de Entroido, o protagonista foi o deportista monfortino Eduardo Iglesias, que finalizou a última edición do Dakar e foi nomeado compadre desta décimo segunda edición.

O acto contou ademais coa presencia do presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real; do alcalde de Monforte de Lemos e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e da xefa da área de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez.

Real deu a coñecer os locais participantes nesta cita gastronómica xa clásica da Ribeira Sacra. Desde mañá e ata o vindeiro 22 de marzo, o público poderá degustar este prato típico en 31 establecementos hostaleiros das localidades de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, O Saviñao e Sober. Ao longo de todo o mes, algúns locais ofrecerán tapas de cocido –a un prezo de 1,5 €– nas fins de semana e outros porán a disposición dos clientes ofertas diferentes.

Como vén sendo habitual durante este mes, tamén haberá prezos especiais en numerosos hoteis, pensións e casas de turismo rural da comarca.

Ademais, as persoas que proben o cocido en calquera das modalidades ofertadas serán agasalladas cunha rifa coa que optarán a un porco de 100 kg da Devesa dos Formigueiros. Levarase o premio quen teña a papeleta coas catro últimas cifras do número premiado no sorteo da ONCE do 28 de marzo.

Actividades extra

Cóntase ademais con varias actividades dentro do programa: visitas guiadas por Monforte, rutas a cabalo e a xa tradicional quedada de motos, que terá lugar o día 21 de marzo, con visitas guiadas pola Ribeira Sacra e O Courel.

A novidade deste ano é que o sábado 14 de marzo se celebrará o Cocido das Meigas. Ás 20:30 h o Aquelarre das Meigas contará coa actuación de Batucada e tamén haberá un taller para nenos.

O Estase Cocendo é unha iniciativa da Apehl que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración dos Concellos de Monforte de Lemos, Quiroga, Sober, O Saviñao e A Pobra do Brollón, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, do Centro do Viño da Ribeira Sacra, do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, da Asociación Prodeme, do Centro de Enseñazas Artísticas Creativa, de En Lá e do Centro de Coaching e Desenvolvemento Persoal Eu Forte.

Relación de locais participantes