APEHL

Case un 93 % de ocupación hoteleira na provincia durante a ponte do 1 de maio

02.05.2023. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) anunciou os datos que se rexistraron sobre ocupación hoteleira na provincia de Lugo durante a ponte de maio, os cales indican que aumentou con respecto a Semana Santa.

A media total da provincia foi dun 92,66 %, cifra que supera á que houbo en Semana Santa, dun 90,33 %. A zona con maior número de visitantes foi a Ribeira Sacra, cunha media do 99 %. A Mariña tivo unha ocupación media do 90 %. A capital da provincia, Lugo, alcanzou o 89 %.

Destacou nesta ponte o incremento de turistas procedentes da Comunidade de Madrid, debido á festividade do día 2 nesa comunidade, e incluso algúns establecementos chegaron ao 100 % durante as noites do sábado e do domingo. Ademais, apreciouse un aumento de turistas estranxeiros, vinculados ao camiño de Santiago.