APEHL

…E para comer, Lugo, por décima vez en La Vuelta

21.07.2022. Este 2022 cúmprense dez anos dende que o stand de …E para comer, Lugo comezara a desprazarse por toda España e fóra dela para dar a coñecer os produtos gastronómicos de Lugo e os lugares máis fermosos da provincia durante La Vuelta.

O próximo xoves, 28 de xullo, celebrarase un acto de presentación desta décima edición ás 10:30 horas na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia de Lugo. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, co apoio de Turismo de Galicia, de varios consellos reguladores e de asociacións de produtores, promocionará o turismo e a gastronomía da provincia nas saídas de etapa de La Vuelta Ciclista a España 2022.

Na presentación estará o presidente de Apehl, Cheché Real, acompañado de representantes da Xunta de Galicia e dos diferentes colaboradores do evento.

O posto de …E para comer, Lugo instalarase, como nos anos anteriores, na zona VIP das 21 saídas de etapa, onde o persoal da Asociación atenderán aos asistentes, que poderán degustar os pratos elaborados con produtos da terra.

Este ano volven colaborar os consellos reguladores da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, San Simón da Costa, Queixo de Tetilla, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Avimós, Asovega, Asoporcel, Fabas de Lourenzá, Armadores de Burela, Galletas Daveiga, Grelos de Galicia, Pemento de Mougán, Mel de Galicia, Afapan, Aceite de Quiroga e Acruga.

A maiores da degustación de diferentes pratos gastronómicos, difundiranse exemplares da última edición da guía turística e gastronómica de …E para comer, Lugo.