APEHL

O xurado comezará mañá a rolda de valoracións para seleccionar os premiados do XVI Concurso de Tapas de Lugo

25.11.2021. Os catro profesionais encargados de valorar as 12 tapas finalistas do XVI Concurso de Tapas de Lugo, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), comezarán mañá venres 26 de novembro ás 20:00 h a súa rolda de valoracións.

O xurado deste ano estará composto por Ana Isabel Fernández Escudero, enóloga e licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, graduada en Nutrición Humana e Dietética e experta en Calidade Internacional, tamén membro do Panel de Cata do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, membro do Club de Cata Vitis Lucus de expertos en análise sensorial e enoturismo e docente do grupo Gadisa en nutrición, tecnoloxía dos alimentos, hixiene alimentaria e enoloxía; Pablo Fernández Caridad, formado no Centro Superior de Hostalería de Galicia e na Universidade Europea de Madrid (grao en Turismo), profesor de cociña desde hai máis de 10 anos na Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro, pertencente á Asociación de Empresarios de Hostalería de A Coruña, e con 22 anos de experiencia no sector tanto en hoteis como en empresas de restauración como xefe de cociña, director de operacións e asesor gastronómico en diferentes países, España, México e Francia; Ricardo Fernández Guerra, docente no Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra desde hai 23 anos, con ampla experiencia profesional en distintos establecementos de Galicia e Euskadi, como Lasarte (Martín Berasategui) cunha estrela Michelín naquel momento e estadías formativas con Didier Oudill no Café de París, en Biarritz, ou restaurantes e institutos de formación profesional de Francia, Italia e Euskadi, e Ramón Rodríguez Méndez, representante de Estrella Galicia.

O equipo de expertos gastronómicos probará as tapas dos locais finalistas –A Paparota, Anda, El Boni, El Dotmas Bar, España, Manuel Manuel, Mesón Colón, O Castor, O Cincuenta e Seis, Paprica, Pulpería O Castelo e San Marcos Café– durante  toda a fin de semana e asignará os cinco premios que lle corresponde outorgar: un primeiro, un segundo e un terceiro posto e dous galardóns máis á mellor maridaxe con Estrella Galicia e á mellor maridaxe con viño DO Ribeira Sacra.

Os gañadores do certame, tanto o elixido polo público como os outorgados polo xurado, daranse a coñecer o vindeiro venres 3 de decembro ás 12:00 h nun acto que se celebrará no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).