APEHL

O xurado empeza mañá a valorar as propostas finalistas do XVII Concurso de Tapas de Lugo para seleccionar aos premiados

24.11.2022. Os catro profesionais encargados de valorar as 12 tapas finalistas do XVII Concurso de Tapas de Lugo, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), comezarán mañá venres 25 de novembro ás 20:00 h a súa rolda de valoracións.

O xurado deste ano estará dirixido por Quique Rodríguez, chef, comunicador e asesor gastronómico, produtor e director de contidos para medios dixitais, colaborador en programas de radio e televisión, xurado en multitude de certames de cociña, membro de Acyre Madrid, colaborador de …E para comer, Lugo e sous chef do Hotel Rosewood Villa Magna 5 Estrelas Gran Luxo, acompañado de Juan Pozuelo Talavera, cociñeiro, formador, comunicador, socio director do Teatro Goya Catering e do Reloj de Harry and Sally, foi director do Hotel Escola da Comunidade de Madrid, con ampla experiencia no sector da restauración, creador e director do concepto gastronómico Hamburguesa Nostra, director técnico da Academia Bocuse d’Or España, membro de diferentes xurados en certames de cociña e autor de varios libros publicados; Ricardo Fernández Guerra, docente especializado en cociña e pastelería no Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra, aínda que nos últimos anos decantouse por impartir cociña pura, con ampla experiencia profesional en distintos establecementos de Galicia e Euskadi, como Lasarte (Martín Berasategui) cunha estrela Michelín naquel momento e estadías formativas con Didier Oudill no Café de París, en Biarritz, ou restaurantes e institutos de formación profesional de Francia, Italia e Euskadi, e Mercedes González Rodríguez, membro do panel de cata do CRDO Ribeira Sacra e de varios paneis de cata rexionais, nacionais e internacionais, sumiller, xerente de Asesoría Gastronómica Membajadora, presidenta de Vitislucus-Expertos Análise Sensorial e Enoturismo, embaixadora española de Champagne, membro da FIJEV (Federación Internacional de Xornalistas e Escritores do Viño) e colaboradora en Onda Cero Lugo.

O equipo de expertos gastronómicos probará as tapas dos locais finalistas –Bulló Xantar, El Dotmas Bar, El Boni, España, Mesón El Castillo, Nadela, Pulpería O Castelo, O Cincuenta e Seis, Paprica, Portal 36, Prebe e Rabuda– durante toda a fin de semana e asignará os cinco premios que lle corresponde outorgar: un primeiro, un segundo e un terceiro posto e dous galardóns máis ao mellor maridaxe con cervexa Estrella Galicia e ao mellor maridaxe con viño DO Ribeira Sacra.

Os gañadores do certame, tanto o elixido polo público como os outorgados polo xurado, daranse a coñecer o vindeiro xoves 1 de decembro ás 12:00 h nun acto que se celebrará no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Neste evento terá lugar a entrega de premios aos establecementos gañadores e tamén se farán os sorteos entre todos os cupóns e os folletos-pasaporte depositados nas urnas.