APEHL

O posto de ...E Para Comer, Lugo volve a facer promoción turística da provincia en La Vuelta 2021

28.07.2021. O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, anunciou esta mañá que a entidade vai participar de novo en La Vuelta a España co posto de …E para comer, Lugo da man de Turismo de Galicia e a colaboración de varios consellos reguladores e asociacións de produtores.

As condicións provocadas pola pandemia durante La Vuelta 2020 non permitiron que o stand de …E para comer, Lugo viaxase por toda España como viña sendo habitual nos últimos oito anos, pero este verán será de novo posible.

No acto, ademais do presidente de Apehl, Cheché Real, estiveron presentes a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, e o director de La Vuelta, Javier Guillén, que estiveron acompañados por representantes dos diferentes colaboradores desta edición.

Esta será a novena vez que o posto de …E para comer, Lugo se instale na zona VIP das 21 saídas de etapa, será atendido por persoal da Asociación e, ademais de facer promoción turística da provincia, serviranse aos visitantes (ciclistas, patrocinadores, xornalistas especializados…) aperitivos elaborados con produtos da terra e difundiranse exemplares da última edición da guía turístico gastronómica …E para comer, Lugo.

Na súa intervención, Real agradeceulles o seu apoio á Xunta de Galicia e mais aos produtores lucenses que abastecen o posto da materia prima necesaria para realizar as degustacións. Nesta lista de colaboradores atópanse os consellos reguladores da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, San Simón da Costa, Queixo de Tetilla, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Avimós, Asovega, Asoporcel, Fabas de Lourenzá, Armadores de Burela, Galletas Daveiga, Grelos de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, Afapan, Aceite de Quiroga e Acruga, así como Estrella Galicia, Candelas, Cociñeiros de Lugo, CD Burela FS, Transportes Valín e El Progreso. Segundo o presidente da Apehl, “son moitas as persoas que eloxian a calidade, a frescura e a variedade dos produtos que se ofrecen no stand da Asociación e así queremos que siga sendo”.

Pola súa banda, Nava Castro salientou a importancia de potenciar a gastronomía, posto que é un dos motivos principais polo que os turistas escollen esta comunidade como destino. Neste sentido, valorou o papel da marca …E para comer, Lugo coma un referente para promover a gastronomía galega.

Tamén o director de La Vuelta destacou o rol desta campaña, xa que é un proxecto que entronca perfectamente coa súa pretensión de que a proba ciclista non sexa só un evento deportivo, senón un evento social, unha plataforma popular para dar a coñecer os atractivos dos lugares polos que se pasa.