APEHL

O XV Estase Cocendo arranca esta fin de semana

03.03.2023. O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolleu esta tarde o acto inaugural do Estase Cocendo 2023, evento patrocinado pola Deputación de Lugo. Na presentación deste mes dedicado a un dos pratos estrela da comarca, o cocido de Entroido, recalcouse a homenaxe especial que se lle fai nesta nova edición ao matriarcado galego, en representación de Benedicta Sánchez, quen estivo presente.

O acto contou coa presencia de Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl); Gloria Prada, primeira tenente de alcalde do Concello de Monforte de Lemos; Pablo Rivera, deputado da Área de Promoción Económica e Social; Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, e Benedicta Sánchez, actriz.

Así, hoxe déronse a coñecer os establecementos participantes nesta cita gastronómica xa clásica da Ribeira Sacra. Desde este sábado 4 de marzo e ata o vindeiro 26 de marzo, o público poderá degustar este prato típico en máis dunha trintena de establecementos hostaleiros das localidades de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, O Saviñao, Sober e Ribas de Sil. Ao longo de todo o mes, algúns locais ofrecerán tapas de cocido –a un prezo de 1,5 €– e outros porán a disposición dos clientes cocido de menú ou de prato do día. Como xa viña sendo habitual durante este mes, tamén haberá prezos especiais  en numerosos hoteis, pensións e casas de turismo rural da comarca.

Ademais, as persoas que proben o cocido en calquera das modalidades ofertadas serán agasalladas cunha rifa coa que optarán a unha cesta de produtos de porco da Asociación Prodeme. Levarase o premio quen teña a papeleta coas catro últimas cifras do número premiado no sorteo da ONCE do 1 de abril.

ACTIVIDADES LÚDICAS

O programa conta tamén cunha serie de actividades, como son unha quedada de motos para o día 12 de marzo, visitas guiadas por Monforte e o Cocido das Meigas para o día 25 de marzo.

A maiores, algúns negocios turísticos ofertan ao longo deste mes alternativas lúdicas como visitas a bodegas, paseos a cabalo ou rutas en segway pola Ribeira Sacra.

O Estase Cocendo é unha iniciativa da Apehl que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración dos Concellos de Monforte de Lemos, Quiroga e Sober, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, do Centro do Viño da Ribeira Sacra, da Asociación Prodeme, de En Lá, do Val do Frade, de Bodegas Sta. María de Nogueira, do Centro Comercial Urbano de Monforte e de Nuncy Valcárcel.