APEHL

O XVII Concurso de Tapas de Lugo será a antesala do primeiro Campionato de Pinchos e Tapas de España

14.09.2022. A un día de que remate a inscrición para participar na edición de 2022 do Concurso de Tapas de Lugo, a concelleira de Cultura e Turismo e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, presentaron esta mañá a décimo sétima edición deste certame.

Ferreiro, durante a súa intervención, quixo mostrar o seu agradecemento ao presidente da Apehl e ao seu equipo o feito de poñer, un ano máis, a Lugo no mapa ao organizar un concurso que atrae a moita xente para que coñeza a provincia e a súa gastronomía.

Pola súa parte, Cheché Real puxo en valor o apoio que reciben desde o Concello e a Deputación de Lugo para levar a cabo estas iniciativas, así como agradeceu a colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de Estrella Galicia.

Real destacou que, nos 15 días que dura este evento, se move unha media de 200.000 euros de volume de negocio. Non só se benefician economicamente os hostaleiros participantes, senón que a afluencia de xente tamén favorece o resto de establecementos. “É un certame importante para a promoción turística e hostaleira de Lugo”, subliñou.

Ademais, insistiu en que aínda poden apuntarse aqueles locais interesados en participar: “O prazo aínda non rematou, está aberto ata mañá, 15 de setembro”.

PREMIOS

O xurado popular será o encargado de elixir o mellor establecemento, o máis votado a través dos cupóns, que será galardoado co premio de gañador do concurso. Despois, celebrarase a gran final durante os días 25, 26 e 27 de novembro, na que un xurado profesional e técnico será quen de escoller o local coa mellor tapa seguindo cinco títulos: primeiro premio, segundo premio, terceiro premio, mellor maridaxe coa cervexa Estrella Galicia e mellor maridaxe co viño DO Ribeira Sacra.

Ademais, en relación co primeiro premio outorgado polo xurado profesional, Real engadiu que o gañador deste galardón será o que represente á cidade nos próximos concursos a nivel provincial, galego e nacional.

Con respecto a isto, destacou unha novidade especial. Durante a reunión que mantivo na xornada de onte en Santander como membro do comité executivo de Hostelería de España, chegouse ao acordo de celebrar os próximos 23, 24 e 25 de xaneiro o primeiro Campionato Oficial de Tapas e Pinchos de España, que se celebrará en Madrid, no marco do congreso gastronómico Madrid Fusión.

A este poderá ir, enviado pola Apehl, o gañador do Concurso de Tapas de Lugo, aínda que o presidente da asociación salienta que “en Lugo, gústanos facer as cousas ben” e vai intentar promover, antes do nacional, un concurso provincial para elixir ao mellor representante de Lugo e envialo ao campionato.

Bases do concurso

Ficha de inscrición