APEHL

No mellor dos escenarios non se conseguirían recuperar os datos de 2019 ata finais de 2021 ou principios de 2022

  • Os datos do Anuario da Hostalería amosan unha facturación en 2019 de 129.341 millóns con 315.940 establecementos activos.
  • A caída dun 50 % da facturación, provocada pola pandemia, supón unha perda que podería chegar aos 67.000 millóns de euros.
  • A dixitalización, o servizo delivery e a sostibilidade serán tendencias claves do sector en 2021.

15.12.2020. Hostelería de España, na que está integrada a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, presentou esta mañá na sede da CEOE, o seu Anuario da Hostalería 2020 que recolle os principais datos e estatísticas do sector.  Nesta ocasión cobrou especial relevancia a análise do impacto da COVID-19 durante este 2020 e a súa comparación cos datos de negocio de 2019, así como as previsións de peche de ano e as tendencias que marcarán ao sector en 2021.

A presentación foi realizada por Antonio Garamendi, presidente de CEOE, José Luís Yzuel, presidente de Hostelería de España, e Emilio Gallego, secretario xeral de Hostelería de España.

Os datos do anuario mostran que en 2019 a hostalería española mantívose por encima do 315 mil establecementos, os cales empregaron a 1,7 millóns de traballadores e tiveron unha facturación de 129.341 millóns de euros, o que representa en termos de VAB un 6,2 % do PIB nacional. Un 4,7 % procede dos servizos de restauración e un 1,5 % do aloxamento.

A evolución e tendencia en 2019 era positiva, facturando un 3,6 % máis que o ano anterior e cunhas cifras de emprego que volvían bater marca.  Como resaltaron os participantes na presentación, as cifras demostran a importancia do sector da hostalería, para o turismo e a economía do noso país, pola súa contribución ao PIB nacional, o elevado número de postos de traballo que crea e polo papel crave que protagoniza no desenvolvemento turístico. 

Algúns dos datos que recolle o anuario  son os seguintes:

Os bares seguen en descenso e o aloxamento creceu con maior intensidade en 2019

Os bares son os establecementos máis numerosos dentro do grupo de restauración, aínda que levan varios anos en descenso. Supón algo máis do 57 % dos establecementos do conxunto do sector hostaleiro e é o que presenta maior heteroxeneidade respecto dos locais que o integran. Como en anos anteriores, aínda que descenderon en número, a súa produción aumentou, un 2 % ata algo máis de 37.000 millóns de euros. Por detrás en volume sitúanse os restaurantes que sumaban en 2019 preto de 81.000   establecementos, cun crecemento dun 2,3 % respecto de 2018. O grupo de colectividades e catering foi o único subsector que intensificou o crecemento, ata  un 5,7 % e supón algo máis de 18.000 locais. A produción desta rama de actividade aumentou de forma destacada, un 8,7 % respecto dun ano atrás, ata un total de 11.218 millóns de euros.

Doutra banda, a rama de actividade do aloxamento ten unha relación moi directa co turismo. Dentro deste grupo o maior peso corresponde aos hoteis, aínda que nos últimos anos cos cambios nos hábitos dos clientes gañaron terreo os apartamentos e casas rurais, que lles igualan actualmente en número.

Os hoteis presentaron unha evolución de suaves crecementos durante os últimos anos, que se impulsaron en 2017 e 2018 polas boas cifras do turismo. En 2019 volveuse a moderar o crecemento, ata un 1,1 %, cun total de 16.792 establecementos. Os apartamentos e casas rurais supoñen o maior avance do conxunto do grupo hostaleiro: un 6,1 % respecto ao ano anterior. Os cámpings reduciron o seu censo un 2,1 %, despois de tres anos consecutivos de aumentos.

A hostalería marcou marca de traballadores en 2019

En España, o sector de hostalería caracterízase por ser un dos sectores económicos con maior potencial e capacidade de xeración de emprego. A media de emprego alcanzado en hostalería respecto ao conxunto da poboación ocupada española chegou ao 8,7 % en 2019 e é a rama predominante no sector turístico, concentrando máis dun 60 % dos ocupados nese sector.  A hostalería mantense así en terceira posición en emprego, só por detrás do conxunto da industria (12,6 %) e o comercio (15,5 %).

A maior parte do emprego corresponde ao subsector de restauración, que en 2019 representa o 76,2 % do emprego hostaleiro, con máis de 1,3 millóns de traballadores. O 23,8 % restante pertence ás actividades de aloxamento onde se superaron o 400 mil ocupados.

Na segunda parte do anuario recóllese o impacto que a pandemia supuxo para o sector neste 2020. Algúns dos datos que se reflicten son os seguintes:

A hostalaría afúndese en 2020

Os meses de inactividade case total derivados da declaración do estado de alarma o 14 de marzo, así como as restricións impostas posteriormente polos rebrotes xurdidos e a nova declaración do estado de alarma o 25 de outubro, supuxeron un gran impacto no sector da hostalaría, cun efecto moi negativo sobre a economía tanto en termos de produción, como de emprego e redución do tecido empresarial. No inicio da crise desapareceron 400.000 empregos e 900.000 traballadores tivéronse que acoller a un ERTE. Nos principais meses de peche (abril e maio), a facturación caeu por encima do 90 %.

Dada esta grave situación, moitas empresas aínda non viron viable a apertura dos seus negocios e unha parte deles veranse abocados a pechar definitivamente. Dos 315.000 establecementos que había en 2019 no conxunto do sector hostaleiro, até un terzo do sector podería desaparecer ao peche de 2020, que supón ao redor de 100.000 negocios. Ademais, apúntase un descenso da facturación respecto ao ano anterior superior ao 50 %, con perdas que poderían chegar até os 67.000 millóns de euros. Así mesmo, no conxunto do ano prevese unha perda de emprego de entre 900.000 e 1,1 millóns de postos de traballo, entre directos e indirectos.

As tendencias para 2021

Dada a situación de incerteza en que nos atopamos, é difícil facer estimacións para o ano 2021. As análises mostran que poden xerarse con dous escenarios posibles dependendo de que nos teñamos que enfrontar ou non a unha terceira onda, que suporía maiores restricións, e á evolución e efectividade da vacina.

No caso máis favorable, cun escenario de maior recuperación, con volta practicamente á normalidade, principalmente a partir dos meses de verán, cunha maior confianza tanto do cliente nacional como internacional coa consecuente mellora na demanda, aínda que con costumes arraigados como o teletraballo e un maior consumo no fogar, debido ao impulso dos servizos de delivery e take away. Ademais da desaparición dunha parte de negocios con menores recursos financeiros, que non poderían soportar o pago dos alugueres e a falta de liquidez, así como o impacto unha vez terminados os ERTE.

Por todo iso, aínda que habería unha mellora respecto de 2020, as cifras de vendas aínda estarían lonxe das de 2019, que non se conseguirían recuperar até finais de 2021, principios de 2022.

No escenario máis negativo, con maiores restricións e atraso na vacina, así como falta de axudas directas, manteríase a forte caída de en torno ao 50 % prevista para 2020.

Durante a presentación, o presidente de Hostelería de España, José Luís Yzuel falou dos datos que recolle o anuario e  destacou que había que ser optimistas dentro da dificultade cando se pensa nas tendencias para 2021, “o sector ten que aproveitar as oportunidades que se presentan como o auxe e impulso das tecnoloxías, dos servizos de delivery e take away, así como a formación e motivación dos profesionais e, ademais, as oportunidades de emprendimiento e reinvención dos negocios son agora máis necesarias que nunca”.

Tamén, Emilio Gallego, secretario xeral de Hostelería de España, aproveitou para recalcar a importancia das axudas directas que o sector vén reclamando con reunións, mobilizacións e propostas desde hai meses, para homologar a Europa un rescate da hostalería acorde á súa relevancia e peso no tecido produtivo do país.