APEHL

Entrega de diplomas aos alumnos do curso Certificado en Cultura de Viños do Mundo

27.11.2023. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo fixo esta mañá a entrega de diplomas para os 25 participantes que asistiron ao curso Certificado en Cultura de Viños do Mundo, patrocinado pola Deputación de Lugo.

No acto ligado a esta formación, que remata mañá e tivo lugar desde o pasado 13 de novembro, estiveron o presidente da Apehl, Cheché Real, e a deputada da Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto.

Cun total de 40 viños internacionais, 48 horas formativas impartidas polo Instituto Galego do Viño, dirixido por Xoan Cannas, e unha viaxe a Ribeira Sacra, o curso celebrouse en A Parada das Bestas, en Palas de Rei, en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 20:00 h. 

Entre as materias teóricas da formación repasaron temáticas como a percepción, a uva, o chan, o clima, a viticultura, o traballo en adega, a historia do viño, o servizo, a maridaxe, a elaboración de cartas de viño, o mercado e as novas tendencias, a xestión do negocio, as habilidades comunicativas, o marketing en hostalería ou o enoturismo.