APEHL

Fin de semana repleto de actividades na XV edición do Estase Cocendo

10.03.2023. A Ribeira Sacra segue esta fin de semana co Estase Cocendo 2023, evento patrocinado pola Deputación de Lugo e organizado pola Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

O cocido, un dos pratos estrela da zona, é o protagonista das Xornadas do Cocido de Entroido da Ribeira Sacra. Porén, tamén hai preparadas numerosas actividades para estas semanas. Mañá haberá unha nova visita guiada por Monforte e o domingo terá lugar a VII Quedada de Motos.

José Castiñeira será o guía da quedada de motos, que comezará ás 10:00 h nos Escolapios de Monforte. Desde aquí, realizarase un percorrido por toda a Ribeira Sacra que remata no Saviñao para degustar un saboroso cocido nos Campeliños, cun prezo especial para os motoristas de 18 euros por persoa. Pola tarde visitarase o pazo Molinos de Antero, por só 4 euros.

Para participar nesta actividade, as persoas interesadas poderán facer a súa reserva previa durante o día de hoxe a través dos teléfonos 982 412 050 e 639 209 908.

A maiores, mañá haberá unha nova visita guiada por Monforte de Lemos. Comezará ás 11:00 h e os asistentes poderán degustar viño DO Ribeira Sacra nas instalacións da delegación zona sur da Apehl, da man das bodegas Val do Frade e Sta. María de Nogueira. Para inscribirse, de forma totalmente gratuíta, pódese facer a través dos teléfonos 982 412 050 e 676 101 649.