APEHL

Hostelería de Galicia reclama certeza para o sector co fin do estado de alarma

  • Nos establecementos hostaleiros asegúranse as máximas condicións de seguridade para disfrutar dun ocio en espazos seguros fronte aos domicilios particulares
  • As axudas directas deben chegar urxentemente ás CC. AA. y o pasaporte COVID-19 axudaría á recuperación do turismo

07.05.2021. A Confederación Galega de Empresarios de Hostalería e Turismo (Hostelería de Galicia), integrada polas asociacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, reclama o inicio dunha etapa de certeza para o sector tras o fin do estado de alarma que asegure a senda da recuperación necesaria da hostalería tras máis dun ano de restricións.

A reconstrución do tecido empresarial hostaleiro en Galicia necesita escenarios claros que poñan fin á incerteza e a desconfianza que se xerou debido ás modificacións constantes das medidas restritivas. 

É moi importante que as axudas directas cheguen urxentemente aos afectados. Pasaron case tres meses desde que o 12 de marzo un Consello de Ministros extraordinario aprobase 7.000 millóns de euros de axudas directas para hostalería, turismo e comercio e aínda ese diñeiro, xestionado polas Comunidades Autónomas, non se distribuíu aos seus beneficiarios.

Doutra banda, desde Hostelería de Galicia temos claro que a continuación dunha política restritiva cara á hostalería, tras o fin do estado de alarma, favorecerá os escenarios que realmente inciden na propagación do virus, por exemplo as reunións sen control en casas particulares. É só nos establecementos hostaleiros onde se aseguran as máximas condicións de seguridade para gozar dun lecer en espazos seguros.

No último informe que inclúe información por actividades económicas do Ministerio de Sanidade (Informe nº 265 correspondente ao 4 de decembro) recollíase que o 2,33 % dos contaxios se produciron en hostalería, fronte á transmisión en reunións sociais, que continuaban aumentando, sendo o foco no 15,3 % dos casos.

Así mesmo, reclamamos como medida necesaria en todo o país o pasaporte COVID-19 para salvar o sector turístico, agora que a UE xa propuxo aos seus 27 Estados membros permitir o ingreso de viaxeiros plenamente inmunizados. Por tanto, acelerar a implantación deste pasaporte é unha medida esencial para iniciar a recuperación da hostalaría e o turismo. 

E é fundamental realizar unha mención especial á situación que vive o lecer nocturno, porque a hostalería de noite é o subsector máis castigado desde o inicio da pandemia e no período que iniciamos tras o fin do estado de alarma, débense pór en marcha plans específicos para a súa recuperación inmediata que permita salvar os negocios que resistiron este ano de paro absoluto.

Ademais, é esencial que, nesta nova fase, o proceso de vacinación acelere o seu ritmo porque a recuperación da economía está estreitamente ligada con este proceso.