APEHL

A Apehl apoia a campaña Un ano de restricións pagando os pratos rotos promovida por Hostelería de España

08.02.2021. Ante as restricións e peches que está a padecer o sector de hostalería en todo o territorio nacional, a patronal nacional Hostalería de España, da que forma parte a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), convocou para mañá martes, día 9 de febreiro, un acto simbólico de protesta fronte ao Ministerio de Facenda en Madrid, ás 10:30 h, para pór en marcha a campaña Un ano de restricións pagando os pratos rotos.

Desde o comezo da crise sanitaria da covid-19 o sector da hostalería está a ter dificultades na aplicación das medidas impostas polo Goberno e botáronse en falta outras medidas imprescindibles para garantir a subsistencia dos negocios hostaleiros, así como a negociación necesaria que este sector debía ter desde o principio na toma de decisións tanto nas medidas como no proceso de desescalada.

Entre as reclamacións que levarán mañá a cabo destacan:

  • Acelerar o proceso de vacinación co obxectivo de alcanzar o 70 % da poboación de aquí ao verán.
  • Relanzamento da Marca España como destino turístico seguro e sustentable.
  • Redución do IVE a un tipo do 5 % para todos os sectores, ata finais do 2022.
  • Ampliación de ERTE durante todo 2021 e eliminación da cláusula de compromiso de mantemento do emprego, así como a conservación das correspondentes axudas aos autónomos (prestación de Cesamento de actividade).
  • Axudas directas para compensar a caída de actividade e redución por lei do aluguer de locais nun 50 % durante un período de 12 meses.
  • Axudas ao financiamento do sector mediante a flexibilización, ampliación de prazos de carencia e de prazos de amortización dos créditos.
  • Financiamento suficiente por parte do Estado aos Municipios vía bonificacións, para que os Concellos poidan condonar ou bonificar impostos locais aos distintos actores turísticos, especialmente hoteis e restaurantes.

Os establecementos que se queiran sumar á iniciativa poden facelo compartindo a través das súas redes sociais unha fotografía diante do seu establecemento rompendo un prato co hashtag #hosteleriaplatosrotos.