APEHL

A Apehl comparte os datos de ocupación hostaleira durante o verán en Lugo

30.08.2022. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) presenta os datos recollidos sobre a ocupación hostaleira en Lugo durante os meses de xullo e agosto e adianta as previsións do mes de setembro.

No mes de xullo, A Mariña, a zona centro da provincia e Lugo non chegaron ao 80 % de ocupación, alcanzando un 71,80 %, un 79 % e un 76,80 %, respectivamente. Pola súa parte, a Ribeira Sacra conseguiu un 81 % de aloxamentos cubertos.

Durante o mes de agosto, aumentou o número de persoas que se achegaron á nosa provincia, que superou en todas as zonas o 80 % de ocupación. Así, na Mariña houbo un 85,20 %, na Ribeira Sacra un 88,50 %, na zona centro un 87 % e en Lugo cidade un 81,70 %.

Cabe destacar, ademais, que a primeira quincena de agosto foi mellor que a segunda, xa que nos días 12, 13 e 14, algúns establecementos da Mariña e da Ribeira Sacra chegaron a pasar do 95 % de ocupación.  

Con respecto ao tipo de turista, predomina o nacional, sobre todo de Madrid, seguido dos habitantes de Castela e León, aos que lles seguen os de Cataluña e os andaluces. Pero tamén houbo turista internacional, entre o que destaca o francés.

Xa a un paso do mes de setembro, as previsións da Apehl amosan unha baixada do turismo, que se reflectirá en cifras de entre o 45 e o 60 %. Así, a aposta é dun 50 % na Mariña, un 60 % na Ribeira Sacra, un 55 % na zona centro e dun 45 % en Lugo cidade.