APEHL

A Apehl comparte a súa previsión para este verán 2022

30.06.2022. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), tras contactar con distintos establecementos de aloxamento da provincia de Lugo, adianta as previsións de ocupación para o verán.

Aseguran que despois dos bos resultados alcanzados durante o fin de semana de San Xoán (cunha media dun 80 % de ocupación) na provincia de Lugo, a campaña de verán preséntase prometedora, en particular para a segunda quincena de xullo e primeira de agosto.

Na Ribeira Sacra a previsión media é do 75 %, chegando algúns establecementos ao 90 %.

Na Mariña indican que, aínda que é pronto para realizar unha previsión, móstranse optimistas.

Desde Apehl destacan a ocupación en Palas de Rei, parada obrigatoria no Camiño, do mesmo xeito que en Sarria, que conta cunha previsión de ocupación nalgúns hoteis de entre o 90 e o 95 %.

Así, indican que o verán se presenta con boas perspectivas, sobre todo desde a segunda quincena de xullo e ata a ponte do 15 de agosto. De feito, nos establecementos da cidade de Lugo nótase o incremento de reservas para a festividade do 25 de xullo, pois ao coincidir en luns fará que as estancias se amplíen á fin de semana.