APEHL

A Apehl deu a coñecer en Fitur o volume 15 da guía turístico-gastronómica …E para comer, Lugo

A nova edición desta guía, xa emblemática da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, céntrase en destacar rincóns non tan coñecidos da provincia e en recomendar a visita aos 67 concellos nas diferentes estacións do ano.

18.01.2023. O acto tivo lugar no stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se está celebrando en Madrid, onde o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Titulada Lugo, destino para las cuatro estaciones, esta nova publicación viaxa polas diferentes localidades da provincia ofrecendo recomendacións de lugares máis ocultos, pero igualmente marabillosos, sen deixar atrás espazos máis coñecidos da natureza, do patrimonio, da cultura e da gastronomía de todos e cada un dos concellos lucenses, sempre pensando na mellor época do ano para visitalos. Así, a primavera, o verán, o outono e o inverno son os catro eixes diferenciadores nos que se subdividiron os 67 concellos de Lugo.

O libro conta con 132 páxinas que se distribúen en catro apartados. No primeiro deles faise este percorrido polos 67 concellos lucenses e os outros tres capítulos son seccións habituais como o repaso polas diferentes actividades gastronómicas que desenvolveu a Asociación ao longo do ano en toda a provincia, a participación por décimo ano en La Vuelta e o directorio completo con todos os establecementos de hostelería asociados á Apehl. Tamén conta cun índice cos servizos turísticos, transportes, estradas e webs de información máis destacadas.

Cunha tiraxe de 15.000 exemplares, a publicación distribúese en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á Apehl, así como en todas as etapas de La Vuelta Ciclista a España.

Tamén está dispoñible a súa edición dixital nas webs www.apehl.org e www.eparacomerlugo.es.

O presidente da Apehl, Cheché Real, tras facer repaso pola temática e a organización deste novo volume da súa colección de guías, subliñou a importancia de “combinar todas as recomendacións turísticas coa información dos produtos da terra e dos eventos culturais de todos os municipios, xa que a promoción da provincia debe realizarse de maneira conxunta”.

Real aproveitou a súa intervención para lembrar tamén a inminente celebración do Campeonato Oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2023, que terá lugar os vindeiros luns e martes tamén en Ifema e contará con representante da provincia. “O restaurante Nadela, que levou o primeiro posto do xurado técnico no último Concurso de Tapas de Lugo, será quen nos represente coa tapa Canelón de galo de Mos no seu zume de asado, castaña de Galicia caramelizada, cogomelos silvestres e aceite de Quiroga”, explicó.

Tanto Lara Méndez como José Tomé e Javier Arias agradéronlle á Apehl o traballo que leva adiante para a dinamización do sector hostaleiro e gastronómico da provincia e resaltaron da guía a súa intención de desestacionalizar o turismo da provincia, como un destino para todo o ano.

Ademais, tamén estiveron presentes autoridades dos ámbitos local e rexional.

A guía online, nesta ligazón:

https://apehl.org/es/guia-turistica/