APEHL

A Apehl entregará este venres os premios do Cume Tapas Exprés

19.12.2023. O Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos acollerá a entrega de premios do Cume Tapas Exprés, evento patrocinado pola Deputación de Lugo, este venres día 22 de decembro ás 18:00 h.

A delegación da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) conferirá os premios aos gañadores elixidos polo xurado popular e os sorteados entre todos aqueles que entregaron os cupóns debidamente selados.

Os seguidores do certame outorgáronlle a vitoria ás tapas “Explosión de esperanza”, presentada por Cervecería Mulligan´s,  e “Solombo real con salsa de cogomelos de tempada”, do establecemento Abadía San Simón, tras alcanzar un empate co mesmo número de votos.

No acto, aberto ao público, tamén se fará entrega da estancia para dúas persoas no Hotel Talaso Atlántico Spa****, de Oia (Pontevedra), e do premio ao gañador do maratón das fotografías publicadas en Instagram.

Estarán presentes José Tomé, alcalde do Concello de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, e Cheché Real, presidente da Apehl. A Asociación doará o diñeiro recadado das inscricións dos establecementos participantes á delegación da AECC en Monforte.