APEHL

A Apehl firma con Himikode un convenio de colaboración para apoiar a dixitalización do sector hostaleiro e turístico da provincia

10.02.2023. Noemí Rodríguez, CEO da empresa lucense Himikode e Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), formalizaron este venres na sede da asociación a firma dun convenio de colaboración entre as entidades para apoiar e reforzar a dixitalización do sector Horeca.

Este acordo fírmase nun momento no que a hostalería necesita intensificar as súas vendas e incrementar a súa eficiencia e produtividade para posicionarse nun entorno cada vez máis competitivo. Himikode, como empresa especializada na dixitalización do punto de venda, implanta solucións dixitais baseadas en datos que lle dan ao empresario información en tempo real do número e a calidade das cuncas de café que se elaboran, as afluencias ao seu negocio e a segmentación dos seus consumidores.

Con todo este coñecemento poderá realizar unha toma de decisións no seu negocio baseada en datos, que lle permitirá ofrecer un produto consistente e unha planificación dos seus recursos e facer unha oferta de produto adaptada ás preferencias dos seus consumidores.

Grazas a este acordo, Himikode apoiará á Apehl e aos seus asociados acercando aos hostaleiros o coñecemento e acompañamento nos seus procesos de dixitalización e ofrecerá descontos aos seus asociados nos seus produtos e servizos.

Ademais, Himikode como axente dixitalizador do Programa Kit Dixital ofrecerá unha xestión integral e gratuíta a todos os asociados para implantar algunha das súas solucións.

Como arranque desta colaboración, estase organizando un taller para a dixitalización da hostalería no que se farán demostracións en vivo da aplicación de varias tecnoloxías nos procesos do día a día dos negocios e resolveranse as dúbidas e consultas que poidan ter para iniciar ou potenciar este percorrido.