APEHL

A Apehl informa da súa participación na concentración deste mércores en Madrid

  • Varios membros da directiva da patronal lucense ofreceron esta mañá unha rolda de prensa para informar da participación da Apehl na manifestación convocada por Hostelería de España, que terá lugar este mércores en Madrid.
  • Desde a Asociación pídenlles aos hostaleiros da provincia que apoien a iniciativa de maneira simbólica desde os seus locais.

07.09.2020 A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) estará presente este mércores 9 de setembro en Madrid para participar na manifestación convocada por Hostelería de España na Praza de Cibeles, na que estarán representantes de todas as asociacións de hostalería asociadas a eta entidade, co fin de sensibilizar e protestar pola crítica situación que está a vivir o sector hostaleiro en todo o país. Así o informou esta mañá en rolda de prensa o presidente da Apehl, Cheché Real, nun acto no que estivo acompañado polo vicepresidente e o secretario da Apehl, José Manuel Cela e Jacobo García, respectivamente, e Juan Agra, en representación do ocio nocturno da provincia.

Na manifestación, os representantes das distintas asociación de hostalería de toda España reclamarán que á adopción de medidas restritivas da actividade económica deben ir ligadas medidas compensatorias que eviten os peches definitivos das empresas e o paro dos seus traballadores e que as medidas adoptadas son extremas fronte a un sector que non é, nin moito menos, o principal responsable da propagación do virus da covid-19. “Desde a Apehl solicitamos maior dureza cos establecementos incumpridores, tanto en forma de sancións económicas como coa clausura do establecemento nos casos máis graves, por ser estes os que, co seu comportamento, propagan a covid-19 e provocan o peche sectorial, co canto de peches selectivos, que nós veriamos máis razoables”, apuntou Real durante a súa intervención.

Para pór en valor todo iso, a Apehl estará presente na manifestación de Madrid en representación da provincia de Lugo, xa que non se van permitir grandes aglomeracións, polo que piden aos hostaleiros da provincia o seu apoio cun cese da actividade de 10 minutos coincidindo co comezo da concentración en Madrid ás 11 da mañá e saíndo ás súas portas cunha mensaxe que diga: #Salvemoslahostalería Nós tamén estamos en Cibeles. Así mesmo, desde a Apehl invitan ao sector da distribución a que secunde a protesta apelando á súa solidaridade co sector da hostalería.

Esta acción está coordinada polas asociacións provinciais de hostalería de Galicia: a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería A Coruña, a Federación Provincial de Hostalería de Pontevedra, a Federación de Empresarios de Hostalería de Ourense e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo.