APEHL

A Apehl lanza nas súas redes sociais a campaña Loc@s por volver cunha mensaxe de agradecemento aos clientes

Desde a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) seguen traballando por e para o sector a pesar da etapa difícil pola que se está atravesando. Hoxe lanzan a campaña Loc@s por volver, que consiste nun vídeo co que se quere agradecer aos clientes a súa confianza por volver aos locais de hostalería e activar de novo a súa economía.

Os protagonistas desta nova campaña seguen sendo os propios hostaleiros da provincia, “a través da canción Loca, de Luz Casal, –da  que se ten consentimento  da propia cantante para a súa utilización– demostramos unha vez máis a lealdade cara aos nosos clientes, ademais de seguir formándonos en todo tipo de protocolos e manuais de boas prácticas hixiénico-sanitarias para o noso establecemento, co fin de informar en todo momento aos nosos clientes. Debemos perderlle o medo á covid-19, pero nunca o respecto. Agora máis que nunca necesitamos da súa axuda para continuar co noso traballo e reactivar os nosos negocios. Esta é a nosa forma de darlles as grazas”, destaca Cheché Real, presidente da Apehl.

O vídeo xa se pode ver nas tres redes sociais da Asociación: E Para Comer Lugo en Facebook, E para comer, Lugo en Twitter, e eparacomerlugo en Instagram, ademais de nas webs apehl.org e eparacomerlugo.com.