APEHL

A Apehl lanza a campaña Abrimos las puertas para...

08.05.2020. Desde a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) seguen traballando por e para o sector a pesar da etapa difícil pola que se está atravesando. Hoxe lanzan a campaña Abrimos las puertas para..., que consiste nun vídeo no cal os hostaleiros envían unha mensaxe chea de positividade e esperanza a través das webs e das redes sociais da Asociación pensando xa no día en que poidan abrir as portas.

O presidente da Asociación, Cheché Real, destaca que “o noso labor é tentar buscar solucións, como colectivo e dentro dos organismos nos que estamos integrados (CEHE e CEHAT), para que as consecuencias desta crise sanitaria sexan o menos prexudiciais posible”.

Os protagonistas desta campaña son os hostaleiros da provincia, “a través da canción El calor del amor en un bar, de Gabinete Caligari, demostran a súa capacidade de loita, a súa constancia e a súa lealdade cara aos seus clientes. Agora máis que nunca imos necesitar da axuda de todos para continuar co noso traballo, porque queremos abrir as portas para non volver a pechalas”, destaca Real.