APEHL

A Apehl lanzará en Fitur o décimo sexto volume da guía turístico-gastronómica …E para comer, Lugo o vindeiro mércores

19.01.2024. O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, presentará o vindeiro mércores, 24 de xaneiro, na Feira Internacional de Turismo de Madrid un novo volume, o décimo sexto, da colección de guías turístico-gastronómicas da provincia de Lugo …E para comer, Lugo.

No acto, que terá lugar a partir das 15:00 horas no stand de Galicia en Fitur, Real dará a coñecer a publicación titulada Lugo, para todos los gustos.

Esta nova edición plasma a oferta turística e gastronómica das 67 localidades da provincia de maneira máis visual e esquemática ca nunca. Pretende que o lector, dun vistazo, poida coñecer as recomendacións de viaxe máis interesantes –patrimonio artístico, enclaves naturais, festas e gastronomía– e que os diferentes destinos de Lugo sexan finalmente seleccionados polos viaxeiros a pesar da competencia informativa que existe hoxe en día.

A Apehl non deixou de lado, como vén sendo habitual, o repaso polas diferentes actividades gastronómicas que desenvolveu a Asociación ao longo do ano en toda a provincia, os diversos concursos de tapas, a participación por undécimo ano en La Vuelta e o directorio completo con todos os seus establecementos de hostelería asociados.