APEHL

A Apehl participará no Campeonato oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2023

  • A competición terá lugar os próximos días 23 e 24 de xaneiro en Madrid Fusión.
  • A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) estará representada polo restaurante Nadela.

05.01.2023. Hostelería de España puxo en marcha este Campeonato oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2023 que aglutina os distintos campionatos do país e que busca fomentar a profesionalidade do sector e poñer en valor a tapa como elemento esencial da gastronomía española.

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) participará nesta competición contra outras 33 asociacións e federacións provinciais de hostalería para gañar o premio á Mejor Tapa/Pincho. Nadela será quen represente á Apehl por ser o establecemento escollido como gañador por parte do xurado técnico no XVII Concurso de Tapas de Lugo.

A competición celebrarase durante os próximos 23 e 24 de xaneiro no Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión que se celebra anualmente na capital. Nace con vocación de ser referente a nivel nacional para as Asociacións e Federacións que representamos o tecido empresarial do sector, é dicir, aos restaurantes, bares, cafeterías e pubs do noso país.

O campionato é a fase final dunha serie de concursos de tapas e pinchos adscritos e pertencentes ao conxunto das asociacións provinciais que integramos Hostelería de España; no noso caso, trátase da fase final do Concurso de Tapas de Lugo. Cada unha das asociacións presentaremos unha proposta que reflicte os valores deste concurso: mellora continua da oferta gastronómica e impulso do Turismo Gastronómico como elemento diferencial do turismo de España.

Nunha primeira fase que se celebrará o luns 23 de xaneiro, os participantes dividiranse en dous grupos, un pola mañá e outro pola tarde. Ao finalizar cada grupo e tras a valoración dun xurado experto, elixiranse tres finalistas, seis en total, que ao día seguinte disputarán a gran final.

A cualificación dos pratos por parte do xurado basearase en criterios de adecuación do prato ao formato da tapa ou pincho, sabor e textura, orixinalidade, presentación, usabilidade para o establecemento hostaleiro, uso de produto autóctono ou tradicional e suxestión de maridaxe.

Cada concursante contará con 30 minutos para a elaboración íntegra e o empratado da tapa ou pincho, que poderá ser de cocción tanto fría como quente. O establecemento gañador do campionato recibirá un recoñecemento en forma de placa e diploma, unha foto-reportaxe do evento e da súa elaboración e un vídeo-reportaxe do evento e da súa  elaboración.