APEHL

A Apehl pon en marcha a organización do XVI Concurso de Tapas de Lugo

07.06.2021. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) anunciou esta mañá que acaba de poñer en marcha a organización da décimo sexta edición do Concurso de Tapas de Lugo, suspendida o verán pasado por mor da situación epidemiolóxica do concello de Lugo e as medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade para frear o contaxio por covid-19.

Nesta nova convocatoria poderán concursar todos os establecementos de hostalería do Concello de Lugo que estean inscritos no Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT).

“Grazas á melloría dos datos rexistrados e o bo ritmo de vacinacións é momento de retomar as nosas actividades e de continuar apostando pola promoción da nosa gastronomía e do noso sector hostaleiro, así como de seguir pondo en marcha todas as iniciativas da Apehl para a reactivación da economía no noso colectivo”, afirma o presidente da Asociación, Cheché Real.

Neste sentido, Real adiantou que “iniciamos os preparativos para a celebración do Concurso de Tapas de Lugo e iremos avanzando todas as novidades nas próximas semanas”.