APEHL

A Apehl pon en marcha a organización do XVI Concurso de Tapas de Lugo

26.06.2020. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) anunciou esta mañá que comezou a posta en marcha da organización da décimo sexta edición do Concurso de Tapas de Lugo.

Poderán concursar todos os establecementos de hostalería do Concello de Lugo que estean inscritos no Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT) e terá lugar, como vén sendo habitual, no mes de setembro.

“A pesar da situación ocasionada polo coronavirus, é momento de comezar a afrontar esta nova normalidade, continuar apostando pola promoción da nosa gastronomía e do noso sector hostaleiro e seguir pondo en marcha todas as iniciativas da Apehl para a reactivación da economía no noso colectivo”, afirma o presidente da Asociación, Cheché Real.

Neste sentido, Real adiantou que “iniciamos os preparativos para a celebración do Concurso de Tapas de Lugo no mes de setembro e iremos avanzando todas as novidades nas próximas semanas”.