APEHL

A Apehl protestará pola situación que está vivindo a hostalería o vindeiro 9 de setembro en Madrid

  • Desde a Asociación piden aos hostaleiros da provincia que apoien a iniciativa de maneira simbólica desde os seus locais.

03.09.2020. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) estará presente o vindeiro mércores 9 de setembro en Madrid para participar na manifestación convocada por Hostelería de España na Praza de Cibeles, na que estarán representantes de todas as asociacións de hostalería asociadas a Hostelería de España, co fin de sensibilizar e protestar pola crítica situación que está a vivir o sector hostaleiro en todo o país.

Reclamarán que á adopción de medidas restritivas da actividade económica deben ir ligadas medidas compensatorias que eviten os peches definitivos das empresas e o paro dos seus traballadores e que as medidas adoptadas son extremas fronte a un sector que non é, nin moito menos, o principal responsable da propagación do virus da covid-19.

Para pór en valor todo iso, a Apehl estará presente na manifestación de Madrid en representación da provincia de Lugo, xa que non se van permitir grandes aglomeracións, polo que piden aos hostaleiros da provincia de Lugo o seu apoio pechando os locais de 11:00 h a 12:00 h –hora da concentración– e saíndo ás súas portas cunha mensaxe que diga: #Salvemosahostalería Nós tamén estamos en Cibeles.

Esta acción está coordinada polas asociacións provinciais de hostalería de Galicia: a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería A Coruña, a Federación Provincial de Hostalería de Pontevedra, a Federación de Empresarios de Hostalería de Ourense e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo.