APEHL

A Apehl reclama a suspensión dos pagos relativos aos dereitos da propiedade intelectual e os alugueres

31.03.2020. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) continúa traballando cada día para manter a todos os seus asociados informados puntualmente sobre todas as medidas adoptadas polo Goberno e as demandas realizadas en colaboración e coordinación coas patronais de restauración (Confederación Empresarial Hostelería de España, CEHE) e de aloxamento (Confederación Española de Hoteles y Alojamientos Turísticos, CEHAT) para que as consecuencias económicas desta crise sanitaria pola que estamos a pasar sexan o máis liviás posible.

Neste sentido, a Asociación segue reclamando medidas necesarias como a suspensión de pagos relativos aos dereitos da propiedade intelectual ou a suspensión dos alugueres mentres dure o estado de alarma.

Desde Apehl cren que “só coa aplicación das medidas que reclamamos, a hostalería poderá recuperarse e volver abrir cando todo isto pase”.

SOBRE OS DEREITOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL

En coordinación coa CEHE e a CEHAT, desde Apehl reclaman a postergación das cotizacións relativas aos dereitos da propiedade intelectual durante o período de peche dos establecementos.

Grazas a iso, unha das entidades responsable disto, a AISGE (Artistas Intérpretes, Sociedad de Gestión), xa anunciou que apraza a emisión e cobro da factura correspondente ao primeiro trimestre de 2020. Da mesma maneira, e se para entón mellorou a situación, no mes de xullo procederase a facturar o semestre correspondente, pero nesa liquidación non se computará o período de suspensión de actividade desde o 13 de marzo.

Non é así aínda no caso doutras entidades de xestión de dereitos de autor como SGAE, AGEDI e AIE, coas que se segue traballando, en coordinación coas patronais que representan ao sector, para que a postergación que anunciaron se converta nunha anulación das cotizacións polo menos durante os períodos de peche.

A Apehl destaca que, unha vez finalizado o estado de alarma, abriranse mesas de traballo con esas entidades a fin de tomar medidas e decisións ata que se recupere a actividade habitual.

SUSPENSIÓN DOS ALUGUERES

En canto á suspensión dos alugueres, a Apehl apela ás partes implicadas a atopar unha solución no pago das rendas dos locais durante o tempo de peche dos mesmos como consecuencia do estado de alarma decretado polo Goberno por mor da pandemia do COVID-19.

En coordinación coa Confederación Empresarial Hostelería de España ínstase ao Goberno e aos arrendadores a alcanzar medidas como as que se están producindo en Francia, Italia, Alemaña, Qatar ou Canadá, entre outros, solicitando á Administración central a tomar decisións neste sentido.

“A suspensión da renda dos alugueres é de especial urxencia para un sector de fráxil estrutura financeira e con lentitude no acceso ás medidas de apoio que impulsarán as administracións. Solicitamos que esta medida sexa efectiva xa nos recibos que se liquiden a finais do mes de marzo e principios do mes abril e afecten as rendas a devengar desde o 14 de marzo”, destacan desde Apehl.

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo finaliza lembrando que “minimizar os efectos financeiros da crise entre todos os axentes implicados na actividade hostaleira é a única maneira de asegurar a supervivencia dos nosos establecementos unha vez que se recupere a normalidade sanitaria e social no país”.