APEHL

A Apehl súmase ao resto da hostalería española para clamar unidos pola salvación do sector

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) uniuse esta mañá a organizacións hostaleiras de toda España na concentración celebrada en Madrid contra a criminalización do sector e a falta de medidas compensatorias ante a crise actual.

Lugo, 9 de setembro de 2020.- Representantes de máis de 50 organizacións hostaleiras das 17 Comunidades Autónomas, entre as que se atopaban portavoces da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), concentráronse esta mañá na Praza de Cibeles (Madrid) para denunciar a dura realidade que atravesan as 300.000 empresas e 1,7 millóns de traballadores que aglutina o sector no noso país, segundo os datos previos á pandemia. A manifestación estaba convocada por Hostelería de España e nela participaron tamén outras organizacións, como Hostelería de Madrid, Plataforma por el Ocio, e España de Noche.

Baixo a lema #salvemoslahostelería os participantes reivindicaron a posta en marcha de medidas que suavicen a profunda crise que a pandemia Covid-19 orixinou no sector.

 

SECTOR RESPONSABLE E ESENCIAL

Durante a súa intervención, José Luís Yzuel, presidente de Hostelería de España, puxo en valor a actitude dun “sector fundamental na economía española e que representa o 6,2% do PIB (ata un 15% ligado ao turismo)”. Yzuel preguntouse: “Que outro sector español pode demostrar esa capacidade de xerar riqueza? É inxusto e ademais pouco intelixente culpabilizar á hostalería”. “Máis aló dos datos económicos, temos que reformularnos se é lóxico o trato que está a recibir un sector que é tamén identidade e cultura españolas, e que, desde o comezo da pandemia, asumiu con responsabilidade a aplicación de medidas preventivas, a costa do esforzo extremo dos seus empresarios e traballadores”, destacou.

Ramón Más, presidente de España de Noche, presentou os datos utilizados polo sistema sanitario, e concretamente pola Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica, que pon de manifesto que “non hai, nin houbo ningunha evidencia que identificase aos locais de lecer como un dos factores de risco máis relevantes, como causantes dos contaxios da Covid-19 e que, con todo, foron aqueles que se viron criminalizados e perseguidos e sobre os que se adoptaron as medidas máis restritivas, sendo o único sector da economía que nestes momentos ten suspendida a súa actividade”. Tamén sinalou que esta actividade económica e empresarial está regulada e que cumpre con todas as medidas preventivas, sen que se adoptaran ningún tipo de medidas económicas que permitisen protexer ás empresas dentro dun Plan de Rescate fronte ao radicalismo das medidas sanitarias adoptadas, o cal fixo necesario que se acudise á vía xudicial e á Audiencia Nacional para denunciar toda esta situación do lecer nocturno.

 

AS DEMANDAS DOS HOSTALEIROS

Dende a Apehl unímonos ás esixencias de Hostelería de España, que piden medidas rehabilitadoras que deteñan o peche de máis 85.000 establecementos e a perda entre 900.000 e 1,1 millóns de postos de traballo, entre directos e indirectos, segundo as previsións no peor dos escenarios. Somos conscientes da predisposición de todos os profesionais do sector para poñer da súa parte, pero para iso necesitamos políticas que garantan unhas condicións laborais mínimas e irrenunciables e, desde logo, que non nos converta nun chibo expiatorio sobre o que descargar os malos resultados dunha xestión que non nos corresponde. A situación económica é crítica, cunhas cifras comparativas con 2019 que debuxan un descenso da facturación superior ao 50%, o que supón unha perda de ata 67.000 millóns de euros.

Por todo iso, as asociacións de hostalería de España reclamamos:         

  • A posta en marcha medidas de apoio hixiénico-sanitarias coordinadas coas autoridades competentes para unha xestión eficaz ante posibles brotes e corentenas.
  • Actuacións de apoio efectivo ao emprego, coa ampliación dos ERTES ata marzo de 2021, asegurando unha maior exoneración da cotización á seguridade social aos negocios cunha apertura parcial e exonerando ao 100% os que estean pechados.
  • Medidas de apoio á estrutura empresarial sectorial con recursos a fondo perdido para as facturacións inferiores ao 25% do habitual, ampliación de dous anos nos períodos de carencia do financiamento recibido pola Covid-19 e bonificacións fiscais tanto en custos de arrendamentos e subministracións, como en impostos especiais e taxas municipais.
  • Propostas de estimulación (bonos que activen a demanda de familias e empresas, melloras no tratamento fiscal, exoneración en vales de comidas, redución temporal do IVE en Hostalería…) e creación dun Plan Estratéxico da Gastronomía.

 

CAMPAÑA EN REDES SOCIAIS

A concentración estivo acompañada dunha campaña en redes sociais baixo o hashtag #SalvemosLaHostelería e utilizouse unha máscara vermella como elemento simbólico, unha imaxe coa que hostaleiros, traballadores do sector e clientes puideron sumarse e secundar todas as reivindicacións. Ademais, en practicamente todo o territorio nacional o sector hostaleiro realizou un paro de aproximadamente 10 minutos coincidindo coa concentración de Madrid para amosar o seu apoio ás reivindicacións.