APEHL

A Apehl traslada ao Executivo a dificultade de aplicación do Real Decreto-Lei de medidas urxentes extraordinarias fronte ao COVID-19 e reclama novas m

25.03.2020. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), en coordinación coa Confederación de Empresarios de Hostelería de España, organización empresarial que representa aos restaurantes, bares, cafetarías e pubs do país, trasladou ao Executivo a preocupación do sector ante as dificultades que están a ter os hostaleiros á hora de aplicar o Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, aprobado polo Goberno para facer fronte á crise do coronavirus, e reclamou a ampliación de medidas anunciadas para poder salvagardar a continuidade dos negocios hostaleiros.

No documento de propostas que se lle fixo chegar ao Executivo, explícase como os empresarios hostaleiros están a atoparse con numerosas dúbidas e obstáculos en relación á aplicación e tramitación dos ERTEs, contemplados no mencionado Real Decreto-Lei de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do coronavirus.

Precisamente este tipo de medidas tomadas polo Goberno teñen por obxectivo a flexibilización e axilización dos procedementos de regulación de emprego e a mellora da cobertura, tanto para os traballadores como para os empresarios, co fin último de minorar o impacto negativo sobre o emprego e a actividade económica, pero “os hostaleiros atópanse con diversos obstáculos que impiden esa axilidade”, sinala o presidente de Apehl, Cheché Real.

“Un exemplo claro é que o acceso aos ERTEs varía ao longo do territorio e que en moitas rexións as delegacións de Emprego están a esixir aos negocios achegar toda a documentación dos traballadores, o que alarga e complica indubidablemente os trámites”, insisten no comunicado.

Outro dos principais problemas é a obrigatoriedade de comunicación aos traballadores por parte do empresario do cesamento ou diminución da actividade do negocio. “Están a devolverse Expedientes de Regulación Temporal de Emprego por defecto na comunicación, cando o anuncio do presidente do Goberno do peche dos centros de traballo relacionados coa hostalería debería ser unha notificación válida de por si”,  aseguran.

Desde Apehl apoian a idea de que “necesítase que o ERTE solicitado pola empresa, xa sexa de redución de xornada ou de suspensión temporal da actividade, sexa automaticamente autorizado pola Autoridade Laboral, ou polo menos, que se conceda unha autorización provisional de maneira inmediata. Con isto conseguiríase non dilatar de maneira innecesaria o procedemento, xa que se considera proveniente dunha causa de forza maior”.

Outra dúbida que se lle presentou ao sector en relación ao funcionamento dos ERTEs é a obrigatoriedade por parte da empresa de manter os postos de traballo nos seis meses seguintes desde a data de continuación da actividade. “É realmente difícil asegurar o mantemento dos mesmos empregos nos seis meses seguintes ao ERTE, posto que os negocios vanse ver duramente afectados polo parón provocado pola crise sanitaria”, sinalan.

Ademais, reclaman outros asuntos que o sector vén reivindicando nas últimas semanas co fin de garantir a subsistencia dos negocios hostaleiros, como a urxencia por buscar a flexibilización do financiamento bancario e a renegociación de pólizas, as moratorias das hipotecas e créditos cos bancos de préstamos ou a suspensión total da cotización de autónomos de hostalería, incluíndo a do mes de marzo, ante a falta de ingresos e liquidez que sofren estes empresarios hostaleiros desde que se anunciase o peche dos establecementos.