APEHL

A final do XVII Concurso de Tapas de Lugo xa está aquí: o xurado comezou este venres a valorar as propostas finalistas

25.11.2022. Os catro profesionais encargados de valorar as 12 tapas finalistas do XVII Concurso de Tapas de Lugo, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), comezaron hoxe venres 25 de novembro ás 20:00 h a súa rolda de valoracións.

O xurado deste ano está dirixido por Quique Rodríguez, chef, comunicador e asesor gastronómico, acompañado de Juan Pozuelo Talavera, cociñeiro, formador e comunicador;  Ricardo Fernández Guerra, docente especializado en cociña e pastelería no Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra, e Mercedes González Rodríguez, membro do panel de cata do CRDO Ribeira Sacra e de varios paneis de cata rexionais, nacionais e internacionais.

O equipo de expertos gastronómicos probará as tapas dos establecementos finalistas –Bulló Xantar, El Dotmas Bar, El Boni, España, Mesón El Castillo, Nadela, Pulpería O Castelo, O Cincuenta e Seis, Paprica, Portal 36, Prebe e Rabuda– durante toda a fin de semana e asignará os cinco premios que lle corresponde outorgar: un primeiro, un segundo e un terceiro posto, ademais do mellor maridaxe con cervexa Estrella Galicia e do mellor maridaxe con viño DO Ribeira Sacra.

Os gañadores do concurso, tanto o elixido polo público como os outorgados polo xurado, daranse a coñecer o próximo xoves 1 de decembro ás 12:00 h nun evento que se celebrará no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Neste acto terá lugar a entrega de premios aos locais gañadores e tamén se farán os sorteos entre todos os folletos-pasaporte e cupóns depositados nas urnas durante os días do certame.