APEHL

A gastronomía lucense, protagonista do II Congreso ...E para comer, Lugo no Camiño

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acolleu esta mañá o evento, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

29.05.2021. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) celebrou este sábado por segundo ano consecutivo o Congreso Gastronómico e Cultural …E para comer, Lugo no Camiño, unha xornada sobre a cultura gastronómica dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo. Esta iniciativa forma parte do programa O Teu Xacobeo.

Abriu a xornada o presidente da Apehl, Cheché Real, quen inaugurou o evento coas intervencións da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro; a delegada da Área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez.

Seguidamente o piloto monfortino Eduardo Iglesias, cuxa moto participante no último Dakar estaba exposta nas instalacións do MIHL, desenvolveu a charla `...E para comer, Lugo no Dakar 2021´.

Na seguinte das intervencións subiu ao estrado o barista José Manuel Portela, responsable de formación de Cafés Candelas, quen elaborou unha crema de café fría e cremosa á que lle foi incorporando varios produtos típicos dos Camiños a Santiago que atravesan a provincia, como son o queixo cremoso da zona de Vilalba, a castaña confitada da Fonsagrada, o augardente da zona de Portomarín e o xeado artesán de Lugo.

Tras esta demostración, tomou a palabra Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño, quen abordou un relatorio titulado: `A cultura do viño nos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo´.

O evento rematou coa demostración de cociña con produtos de proximidade de Javier Estévez, chef Estrella Michelín polo seu labor en La Tasquería de Javi Estévez, cuxas orixinais propostas culinarias teñen suscitado xa o interese de medios como The New York Times e de programas de televisión como Informe Semanal, Torres en la cocinaMasterChefKarlos Arguiñano en tu cocinaAndrew Zimmern ou a sección de George Foreman en Better late than never.

Javier Estévez elaborou en directo estas cinco receitas: carpaccio de Porco Celta e polbo con fabas de Lourenzá, tortilla de cocochas de Pescada de Burela con grelos e pataca, patas de Galiña de Mos crocantes con escuma de queixo San Simón, tosta crocante de pan de Lugo con faceiras de Ternera Rubia Gallega, cogomelos e trufa e Castañas de Galicia, cacao e queixo do Cebreiro.

En paralelo á celebración do Congreso tivo lugar, de 11:00 a 13:00 h, un obradoiro para nenos de entre 6 e 12 anos. A través da ciencia realizaron unha viaxe virtual polo Camiño de Santiago con distintas paradas desde Pedrafita do Cebreiro ata a Catedral de Santiago. Os nenos adentráronse no espectacular mundo das ciencias e converteronse en auténticos científicos experimentando con reaccións químicas e empregando en maior medida materiais cotiáns que podemos atopar en calquera casa. Puideron fabricar neve instantánea, facer desaparecer auga, experimentar co pH das cousas, observar o ferro dos cereais, converter líquidos en sólidos e fabricar gases cos que inflar globos, entre outras actividades.

EN STREAMING

O evento foi retransmitido en directo desde a páxina de Facebook E Para Comer Lugo e desde a web apehl.org, pois o número de prazas dispoñibles para asistir ao MIHL foi limitado por mor das esixencias sanitarias da pandemia.

Todos os vídeos están dispoñibles en ambas as plataformas.