APEHL

A ocupación hoteleira na provincia de Lugo rondou o 51 % durante o mes de xullo

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na provincia durante o mes de xullo, na que se alcanzou unha media dun 50,9 % de ocupación.

As zonas da Ribeira Sacra e da Montaña foron as áreas da provincia con máis visitantes, cunha media do 75 % e do 70 % de ocupación, respectivamente. Lugo Centro logrou o 42,7 %, a Terra Chá rondou o 42 % e A Mariña quedou no 24,9.

Segundo a Apehl, a situación sanitaria que caracteriza este verán fai que a hostalería xogue cunha grande incerteza, pois “moitos usuarios realizan reservas hoxe e anulan mañá”, e que o turismo internacional sexa mínimo, “cóntase cos dedos das mans”. Os hostaleiros das zonas de interior e montaña si que notan “un mes de xullo mellor que outros anos”.

As previsións de ocupación por zonas para o mes de agosto mantéñense actualmente deste xeito: 55 % para A Mariña, 35 % para Lugo Centro, 85 % para A Montaña, 30 % para a Terra Chá e 85 % para a Ribeira Sacra.