APEHL

A provincia de Lugo estivo ben representada no Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos 2024

  • Rubén David Goyzueta, do Hotel Mercure Lugo-Brasas Brancas, foi o encargado de elaborar a tapa con produtos autóctonos.
  • Iris Jordán, do Restaurante Ansils, coa súa tapa Bombón de escabeche de paloma, en representación da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Huesca, logrou na final o título de Mellor Tapa/Pincho.

30.01.2024. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) estivo representada no Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos 2024, que organiza Hostelería de España co respaldo de Alimentos de España, Mahou San Miguel e Makro, por Rubén David Goyzueta, do restaurante Hotel Mercure Lugo-Brasas Brancas, gañador do XVIII Concurso de Tapas de Lugo, celebrado na cidade durante o pasado mes de novembro.

A provincia de Lugo defendeu a súa candidatura neste campionato, que rematou hoxe no contexto do Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión, co patrocinio da área de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, o Concello de Quiroga, Estrella Galicia, Pemento de Mougán e INPE. O Hotel Mercure Lugo-Brasas Brancas conseguiu o primeiro posto do xurado técnico no XVIII Concurso de Tapas de Lugo e para o Campeonato Oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2024, o cociñeiro Rubén David Goyzueta, coa axuda de Roi Mouriz, presentou a seguinte proposta: Salmonete de Burela sobre parmentier de apionabo, zamburiñas da ría, espuma de nécora, caldiño de algas e aceite de oliva virxe extra de Quiroga.

Durante onte e hoxe competiron 31 provincias e 32 asociacións de hostaleiros en representación das asociacións e federacións provinciais de hostalería, que puxeron en valor a tapa como elemento esencial da gastronomía española demostrando calidade, creatividade e profesionalidade. Finalmente, a vitoria foi para Iris Jordán de Restaurante Ansils, que ía en representación da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Huesca, coa súa tapa Bombón de escabeche de paloma.

Os outros cinco finalistas que participaron na fase final de hoxe en representación das asociacións e federacións provinciais de hostalería foron: Carlos Gumiel, de Guadalajara; Diego Postigo, de Gipuzkoa; Roberto Garrido, de Toledo; Iñigo Kortabitarte, de Bizkaia, e David Fernández, de Zaragoza.

Este campionato foi a fase final dunha serie de concursos de tapas e petiscos adscritos e pertencentes ao conxunto das asociacións que integran Hostelería de España, como é o caso do XVIII Concurso de Tapas de Lugo organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

A decisión final tomouse baixo criterios de adecuación do prato ao formato da tapa ou pincho, sabor e textura, orixinalidade, presentación, utilidade para o establecemento hostaleiro, uso de produtos autóctonos ou tradicionais e suxestión de maridaxe.

O premio foi entregado por Rosa Ana Morillo, secretaria de Estado de Turismo, quen destacou que a gastronomía é o produto turístico máis sostible que temos e que está presente en todo o territorio os 365 días do ano. Pola súa parte, José Luis Yzuel, presidente de Hostelería de España, resaltou o altísimo nivel dos finalistas. Finalmente, Pedro Larumbe, presidente do xurado, cociñeiro e colaborador de Canal Cocina, afirmou que “concursos coma este poñen en valor os recursos naturais e produtos de cercanía, ademais de ser un aliciente de creatividade para os máis novos”.