APEHL

A provincia de Lugo participou no Campeonato Oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2023

  • Rubén David Goyzueta, do restaurante Nadela, representou a Lugo na competición cunha tapa elaborada con produtos autóctonos.
  • A gañadora foi finalmente Susana Casanova de Clandestina Café Bistro, coa súa tapa Cruz de Navajas, en representación da Federación de Empresarios de Hostelería de Zaragoza (Horeca Zaragoza).

24.01.2023. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) estivo representada no Campeonato Oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2023, que organizou Hostelería de España, da que forma parte a Apehl, por Rubén David Goyzueta, do restaurante Nadela, gañador do XVII Concurso de Tapas de Lugo, certame celebrado na cidade durante o pasado mes de novembro.

A provincia de Lugo defendeu a súa candidatura neste campionato, que rematou hoxe no contexto do Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión. O restaurante Nadela, cuxo responsable é Nacho Carballeira, levou o primeiro posto do xurado técnico no XVII Concurso de Tapas de Lugo e para o Campeonato Oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2023, o cociñeiro Rubén David Goyzueta, coa axuda de Roi Mouriz, presentou a seguinte proposta: Canelón de galo de Mos no seu mollo de asado, castaña de Galicia caramelizada, cogomelos silvestres e aceite de Quiroga.

Durante estes dous días competiron trinta e un establecementos hostaleiros en representación das asociacións e federacións provinciais de hostalería, que puxeron en valor a tapa como elemento esencial da gastronomía española demostrando calidade, creatividade e profesionalidade. Finalmente, a vitoria foi para Susana Casanova de Clandestina Café Bistró, que ía en representación da Federación de Empresarios de Hostelería de Zaragoza (Horeca Zaragoza) coa súa tapa Cruz de Navajas.

Os outros cinco finalistas que participaron na fase final de hoxe en representación das asociacións e federacións provinciais de hostalería foron: Jorge Otxoa, da Asociación de Hostelería e Turismo de Navarra; Mario Fernández, de Otea, Hostelería e Turismo de Asturias; Mariano Sánchez, de Gremi de Restauració de Barcelona; Diego Morales, da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Ciudad Real e David Rodríguez, de Hostelería Guipuzkoa.

Este campionato foi a fase final dunha serie de concursos de tapas e petiscos adscritos e pertencentes ao conxunto das asociacións que integran Hostelería de España, como é o caso do XVII Concurso de Tapas de Lugo organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

A decisión final tomouse baixo criterios de adecuación do prato ao formato da tapa ou pincho, sabor e textura, orixinalidade, presentación, usabilidade para o establecemento hostaleiro, uso de produto autóctono ou tradicional e suxestión de maridaxe.

O premio foi entregado por Reyes Maroto, ministra de Industria, Turismo e Comercio e José Luis Yzuel, presidente de Hostelería de España. Reyes Maroto agradeceu a Hostelería de España o seu traballo na defensa do sector e resaltou que traballan desde o ministerio na misión de “converter a España no mellor destino gastronómico do mundo”. A ministra felicitou a Susana Casanova e engadiu que “isto tamén é un recoñecemento do talento feminino que hai nas cociñas españolas”.

Hostelería de España realizou o pasado mes de xullo unha enquisa entre hostaleiros e clientes con case 1.000 respostas. O 78 % coinciden en que a tapa é a nosa mellor embaixadora desde o punto de vista gastronómico. Por outra banda, segundo datos de Turespaña, 12 millóns de visitantes viñeron ao noso país atraídos pola gastronomía como principal motivación, tendo a tapa un importante peso.