APEHL

A XV edición do Estase Cocendo presentarase este venres en Monforte

27.02.2023. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) presentará este venres a décimo quinta edición do Estase Cocendo, patrocinado pola Deputación de Lugo. O acto terá lugar no salón do Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos ás 18:30 h.

As Xornadas do Cocido de Entroido da Ribeira Sacra celebraranse por toda a comarca desde o próximo 4 de marzo ata o 26 de marzo, ambos incluídos. Os establecementos hostaleiros ofrecerán tapas e menús onde o cocido será o protagonista, ademais de suxestións especiais. Exporán un cartel que os identificará como participantes e no seu interior haberá dípticos informativos cunha relación de toda a información do evento.

Este ano, volverase a realizar un sorteo, nesta ocasión de produtos variados da Asociación Prodeme. Ademais, durante este período de tempo haberá diferentes actividades para que a xente se anime a comer o cocido e a divertirse nestas datas.

Neste 2023, englobamos de novo ao sector hostaleiro de toda a zona, que ofrecerá ofertas especiais para todos os que se animen a visitar o territorio e a gozar da paisaxe, ademais de desfrutar dun bo cocido e das diferentes celebracións relacionadas co carnaval que se festexan na comarca.

No acto de presentación adóitase contar cun compadre ou cunha comadre protagonista. Este ano o Estase Cocendo, como homenaxe especial, vai dedicado ao matriarcado galego, da man da actriz Benedicta Sánchez.