APEHL

Os hostaleiros da provincia de Lugo trasladan ao Goberno as súas reivindicacións

  • Entregaron esta mañá un manifesto coas súas reivindicacións na sede da subdelegación do Goberno.
  • Reclaman maior certeza ao redor de distintas cuestións como a concreción de plans de promoción turística, maior claridade e transparencia para planificar as distintas fases da reapertura e a creación dunha mesa negociadora co sector hostaleiro e turístico para definir a flexibilización dos ERTE.

28.05.2020. O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), organización empresarial que representa aos restaurantes, bares, cafeterías, aloxamentos, cámpings, albergues, establecementos de turismo rural e locais de lecer nocturno  da provincia de Lugo, Cheché Real, acompañado de membros da súa Xunta Directiva e de hostaleiros da provincia, fixo entrega hoxe ao Goberno dun manifesto coas reivindicacións do sector, co obxectivo de continuar reclamando as medidas necesarias para a súa reactivación.

O documento foi entregado na subdelegación do Goberno en Lugo, acto durante o cal se deron a coñecer as principais demandas que o sector vén reclamando desde que comezou a crise sanitaria no noso país.

Foi un acto consensuado en conxunto con Hostelería de España e todas as Asociacións do territorio nacional que serve para mostrar a unión do sector e facer máis visibles as súas reclamacións. Unha das principais demandas do sector é a da concreción dun plan estratéxico de relanzamento e reconversión sectorial, que se materializaría tanto a nivel estatal como nas comunidades autónomas e municipios.

A pesar de que o Executivo anunciase este fin de semana que se vai a reactivar o turismo nacional a finais de xuño e o internacional en xullo, o sector denuncia que ”é necesario deseñar campañas de promoción para a reactivación do consumo e promoción do turismo, ao estilo das medidas tomadas noutros países europeos, como os 18.000 millóns de euros que o Goberno francés vai destinar ao rescate do sector ou os bonos que vai entregar Italia entre os seus habitantes para incentivar o turismo local ou a exención de impostos”, sinalan.

Estes incentivos deben acompañarse, segundo a Asociación, de campañas que trasladen confianza aos consumidores sobre a seguridade dos establecementos fronte á covid-19. Doutra banda, reclaman que as medidas adoptadas para relanzar o sector se manteñan no tempo ata lograr a total recuperación do sector.

Así mesmo, desde a entidade reclamouse maior claridade e transparencia ao Goberno para poder planificar a reapertura do sector. E é que non queren que se volvan a suceder situacións que se deron en semanas anteriores, nas que os hostaleiros non puideron tomar as decisión adecuadas por non saber se poderían abrir os seus negocios ata unhas horas antes. Por iso, para sucesivas fases da desescalada, piden coñecer con anticipación suficiente a situación de cada territorio e que esa toma de decisións empresariais se axuste á realidade que lles afectará en curto prazo.

Outra das peticións do sector é a de fixar a distancia de seguridade como criterio para determinar o aforamento dos establecementos, algo que se fixo en todos os países europeos nos seus procesos de desescalada, excepto en España e Portugal, onde se estableceron aforamentos, sumados á distancia mínima interpersoal.

En termos económicos, o sector hostaleiro e turístico vén reclamando ao Executivo desde hai semanas a creación dunha mesa negociadora para definir a flexibilización dos ERTE, co obxectivo de conseguir unha prórroga para o sector, dada a lenta recuperación que van experimentar os seus negocios.

Doutra banda, o sector solicita o establecemento de microcréditos, ao redor de 25.000 de rápida concesión, así como novas liñas de financiamento, posto que as liñas ICO non son suficientes para o perfil de establecemento hostaleiro que impera no noso país, composto principalmente por pequenas empresas, micro pemes e autónomos. Neste sentido, solicitan a ampliación das liñas de avais e préstamos ao 0 % ou 0,25 % sen condicións.

Para aliviar a presión económica á que están suxeitos os empresarios hostaleiros, tamén esixen a suspensión dos alugueres ou rendas dos arrendamentos dos locais de negocio por causas de forza maior desde a data de entrada en vigor do Estado de Alarma, e que se adecúe unha renda variable e axustada en función das fases de reincorporación á actividade polo menos ata decembro de 2020. Ademais, solicitan a prórroga no pago das hipotecas.

As exencións fiscais e de taxas municipais polo período de inactividade son outras das demandas máis repetidas desde o comezo da crise, así como a do IVE súper reducido, seguindo o exemplo doutros países, como Alemaña, onde se reduciu do 19 % ao 7 %.