APEHL

Os hostaleiros lucenses poderán inscribirse para participar no XVIII Concurso de Tapas de Lugo do 1 ao 15 de setembro

  • O certame terá lugar do 3 ao 19 de novembro e a gran final celebrarase unha semana máis tarde, os días 24, 25 e 26.

31.08.2023. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, e o secretario da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Jacobo García-Bobadilla, xunto a Rubén Arroxo, primeiro tenente de alcaldesa e titular da Área de Mobilidade e Infraestructuras Urbanas, presentaron esta mañá no Concello de Lugo o cartel da décimo oitava edición do Concurso de Tapas de Lugo.

O certame, organizado pola Apehl co patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de Estrella Galicia, celebrarase no mes de novembro, entre os días 3 e 19, e a gran final terá lugar os días 24, 25 e 26.

Durante o acto, tanto o secretario da Apehl como a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua adiantaron que a partir de mañá, día 1 de setembro, se abre o prazo de inscricións para todos os establecementos hostaleiros que queiran participar e que estará aberto ata o día 15 de setembro.

García-Bobadilla indicou que todos aqueles interesados en participar e inscribirse deberán poñerse en contacto coa Apehl a través do teléfono 982 22 69 12 ou do correo comunicacion@apehl.org. Será o persoal da Asociación o que lles facilite as bases do concurso e lles explique todos os requisitos para a presentación das inscricións.