APEHL

Marcha da hostalería galega en Santiago para pedir a posta en marcha do Plan de Rescate

  • A concentración de hostaleiros de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense e Ferrol tivo lugar esta mañá desde o Palacio de Congresos ata o Obradoiro.

17.11.2020. Seguindo coas accións de reivindicación ante a situación que está padecendo o sector da hostalería, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, participou esta mañá na concentración convocada por primeira vez de maneira conxunta polas asociacións de hostalería de Galicia, entre elas, a propia Apehl, a Asociación Hostalería Compostela, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña, a Federación Provincial de Hostelería de Pontevedra (FEPROHOS), a Federación Provincial de Empresarios de Hostelería y Turismo en Ourense e a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e comarcas para reclamar que se poña en marcha sen máis dilación o Plan de Rescate solicitado en días pasados a todas as administracións.

A marcha, con preto de 2.000 hostaleiros de todos os puntos de Galicia, percorreu a pé o último tramo do Camiño Francés, pasando polas rúas: Miguel Ferro Caaveiro, Avenida de San Lázaro, Rúa do Valiño, Rúa das Fontiñas, Avenida Rodríguez de Viguri, Rúa dos Concheiros, Rúa de San Pedro, Porta do Camiño, Casas Reais, Praza de Cervantes, Rúa da Azabachería, Praza da Inmaculada e Praza do Obradoiro, onde os actores Federico Pérez e Patricia Vázquez e a xornalista Belén Regueiro leron un manifesto.

Os hostaleiros esixiron a posta en marcha xa do Plan de Rescate que presentaron hai semanas á administración central e á Xunta de Galicia. “Esiximos unha solución global que nos permita traballar, cuns criterios claros, e buscar unha solución para aquelas persoas e negocios que desde o criterio sanitario non teñan condicións de poder desenvolver a súa actividade cun grao de normalidade aceptable”, sinalaron.

O sector tamén reclamou unha mellora nas axudas presentadas polo Goberno galego, que ven claramente “insuficientes” e das que, por agora, só falaron nas reunións técnicas que mantivo a mesa de diálogo entre Xunta e hostalería.

Os hostaleiros lamentaron que se lles siga criminalizando intentando presentalos como os principais responsables da pandemia da covid-19, cando, segundo datos do Ministerio de Sanidade, o 14,6 % do total de casos activos se produce nas reunións privadas (comidas  familiares, festas en pisos...) onde non hai ningún tipo de medidas de seguridade. “Chegamos á conclusión de que canta menos hostalería, máis contaxios no ámbito social privado”, subliñaron.

Para os representantes do sector galego as restricións aplicadas son “desproporcionadas” xa que, tendo en conta o dato de Incidencia Acumulada do virus a 14 días, Galicia é a cuarta comunidade que menos casos ten; e a 7 días, é a terceira comunidade con menor incidencia. Ademais, a hostalería cumpre escrupulosamente as normas de seguridade que ditan as autoridades sanitarias, e demóstrao a práctica nulidade de sancións que existen no sector.

“Somos firmes defensores de que a saúde e a vida teñen a máxima prioridade. A economía é tamén condición necesaria para garantir a vida, polo que urxe tomar decisións nesta materia”, concluíron.

O acto foi apoiado por 150 vehículos a través doutro itinerario: Rúa de Miguel Ferro Caaveiro, Avenida de San Lázaro, Rúa do Valiño, Rúa das Fontiñas, Rúa Fonte dos Concheiros, Avenida de Lugo, Rúa do Hórreo, Praza de Galicia, Rúa da Senra, Campo de Estrela, Rúa do Pombal, Rúa de Galeras, Rúa do Curraliño, Rúa de Salvadas, Vista Alegre e Avenida de Castelao.