APEHL

Nace a Asociación Provincial Cociñeiros Lugo integrada por 17 profesionais da provincia

As oficinas centrais da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) en Lugo acolleron esta mañá a presentación da Asociación Provincial Cociñeiros Lugo, unha entidade sen ánimo de lucro formada por 17 cociñeiros profesionais da provincia que nace para pór en valor os nosos produtos, coidar ao máximo a cociña tradicional e creativa e defender e promocionar a nosa cultura gastronómica.

No acto estiveron presentes Bruno Pena, Felipe Fernández, Diego López, Santi Almuíña, Jorge García, Mar Orosa, Alejandro Méndez e Nardo Eiroa, representantes da asociación Cociñeiros Lugo, acompañados por Cheché Real, José Manuel Cela e Jacobo García-Bobadilla, presidente, vicepresidente e secretario de Apehl.

"Dado que a provincia de Lugo posúe todo tipo de produtos provenientes da agricultura, a gandería ou a pesca, a nosa obrigación e compromiso é potenciar todos eles da mellor maneira e enxalzar e divulgar a nosa gastronomía, un dos nosos maiores atractivos e reclamos turísticos", afirmaron desde a Asociación Provincial Cociñeiros Lugo.

Pola súa banda Cheché Real subliñou que "desde Apehl apoian este tipo de iniciativas que dan valor e fortalecen o sector da hostalería e o turismo con novas propostas".

OS MEMBROS DA ASOCIACIÓN
Os 17 cociñeiros que forman esta entidade son Felipe Fernández, de A Horta de San Roque (Ribadeo); Santi Almuíña, de Mesón Colón (Lugo); Jesús Vilariño, de Asador de Alba (Barreiros); Alejandro Méndez, de Os Cachivaches (Lugo); Silvia Core, de Pastelaría Cabaleiros (Lourenzá); Alejandro Ares, de Bonta Inversiones (Madrid); Antonio Lorenzo, de A Faragulla (Chantada); Jorge García, de Mesón de Alberto (Lugo); Migel Eijo; Manuel Fernández, de Manuel Bistró (Monforte); Diego López, de Bulló Xantar (Lugo) e Lugar de Pascuais; Carlos González, de Merenzao (Sober); Martín Mantilla, de Berso (Sober); Bruno Pena, de Hoteles Oca (Foz); Mar Orosa, de Restaurante El Oviedo (Ribadeo); David Rodríguez, de A Mirandilla (Rinlo), e Nardo Eiroa, de Canedo Brasería (Lugo).

Anunciaron tamén que proximamente farán unha nova presentación con elaboración de produtos e diferentes pratos no Lugar de Pascuais.