APEHL

Permiso en Lugo para a ampliación e a instalación de novas terrazas por parte dos establecementos hostaleiros

22.05.2020. O Boletín Oficial da Provincia recolle hoxe este bando do Concello de Lugo a través do cal os hostaleiros poderán ampliar ou instalar as súas novas terrazas:

BANDO

Os titulares dos establecementos de hostalería situados na cidade de Lugo poderán incrementar a superficie destina a terraza (para aqueles que xa tedes licenza de terraza) ou instalar terraza (no caso que non teñades terraza) facendo uso do espazo público existente, tendo en conta os puntos que se desenvolven a continuación: 

            1.- O derivado do corte ao tráfico da Rúa Mallorca.

            2.- O derivado do corte ao tráfico da Rúa Recatelo, Carrril dos Loureiros, Rúa Isaac Díaz Pardo, Rúa Vila de Sarria e Rúa Avelino Pousa Antelo.

            3.- O espazo público existente na totalidade das prazas e vías públicas actualmente destinadas a uso peonil.

            Caso concreto de Augas Férreas: poderase pór a terraza no contorno da propia praza,deixando o centro da mesma para goce de peóns. Así mesmo quedará libre de terrazas o espazo público derivado do corte ao tráfico na intersección coas Rúas Cánovas del Castillo e Rafael Dieste e na intersección da Rúa Vázquez Seijas coa Praza de Augas Férreas.

            4.- Usar o espazo público das beirarrúas ou, alternativamente, o dedicado a estacionamento de vehículos, unicamente no lado no que se atope a fachada do establecemento e sen superar a lonxitude da mesma.

As terrazas que se instalen de acordo a este bando terán que delimitar o espazo ocupado (esta delimitación ten que ser física, con biombos, valos, xardineiras...) garantindo a seguridade dos usuarios e viandantes e por suposto, respectando as medidas necesarias de accesibilidade.

Modo de comunicar a ampliación ou instalación de terraza:

·Comunicación ao Concello de Lugo.

·Fotografía da fachada ou espazo ocupado debidamente delimitado.

·Xustificante do pago do último recibo do seguro de responsabilidade civil obrigatorio.

Vixencia: desde o día 23 de maio ao 31 de agosto

---------

Desde a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), despois da reunión mantida no día de onte coa alcaldesa e o xefe da Policía Local do Concello de Lugo sobre este bando, que se publica hoxe no BOP, queremos transmitir aos nosos asociados o seguinte:

·A ocupación do espazo para a terraza débese realizar con responsabilidade e sentido común, sen interferir nos dereitos de terceiros e intereses dos usuarios dos edificios lindeiros e respectando sempre os principios de accesibilidade.

 ·Xa que o Concello de Lugo foi flexible con esta medida de apoio á recuperación do noso sector, debemos ser os primeiros en cumprir e facer cumprir aos nosos clientes as normas básicas de prevención e hixiene establecidas ante a covid-19. Non esquezamos que seguimos en alerta sanitaria. Así mesmo, debemos cumprir con as normas de contaminación acústica e, neste sentido, desde a Apehl recomendamos que a actividade da terraza finalice ás 23:00 h.

 ·Débese delimitar o espazo da terraza (delimitación física) con valos, xardineiras, biombos co fin de preservar ao cliente do tráfico. Debemos facer confortables as nosas terrazas para que o cliente se sinta seguro.

 ·Non se poderán utilizar como espazo de terraza nin as prazas de estacionamento de vehículos para persoas con mobilidade reducida, nin as zonas de carga e descarga, nin as paradas de autobús.

 ·Debemos lembrar que durante o estado de alarma, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado están facultadas para realizar inspeccións, sancionar e mesmo, se fose necesario, clausurar no mesmo momento o establecemento, en caso de deficiencias ou incumprimento de normas.

O éxito desta medida que nos brinda o Concello de Lugo depende de todos nós. Aproveitemos esta circunstancia para demostrar que somos profesionais da hostalería e responsables, co fin da recuperación do sector, impulsando así a economía.