APEHL

Presentada en Fitur unha nova edición da guía turístico-gastronómica …E para comer, Lugo

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo celebrou este mediodía en Madrid o lanzamento dun novo volume da súa emblemática guía, coa que pretende un ano máis promover de maneira conxunta o turismo nos 67 concellos.

24.01.2024. O acto tivo lugar no stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se está celebrando en Madrid, onde o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, estivo acompañado polo xerente da Axencia Turismo de Galicia, José Antonio Casas, e polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

Baixo o título Lugo, para todos los gustos, esta nova publicación plasma a oferta turística e gastronómica das 67 localidades da provincia de maneira máis visual e esquemática ca nunca. Pretende que o lector, dun vistazo, poida coñecer as recomendacións de viaxe máis interesantes –patrimonio artístico, enclaves naturais, festas e gastronomía– e que os diferentes destinos de Lugo sexan finalmente seleccionados polos viaxeiros a pesar da competencia informativa que existe hoxe en día.

O libro conta con 132 páxinas que se distribúen en catro apartados. No primeiro deles faise este percorrido polos 67 concellos lucenses e os outros tres capítulos son seccións habituais como o repaso polas diferentes actividades gastronómicas que desenvolveu a Asociación ao longo do ano en toda a provincia, a participación por undécimo ano en La Vuelta e o directorio completo con todos os establecementos de hostalería asociados á Apehl. Conta ademais cun índice cos servizos turísticos, transportes, estradas e webs de información máis destacadas.

Cunha tiraxe de 15.000 exemplares, a publicación distribúese en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á Apehl, así como en todas as etapas de La Vuelta Ciclista a España.

Xa está dispoñible a súa edición dixital nas webs www.apehl.org e www.eparacomerlugo.es.

Tras repasar a temática e a organización deste novo volume, o presidente da Apehl, Cheché Real, destacou o novo estilo desta guía “máis sinxelo e áxil, para ofrecerlle ao lector un contido esquemático e visual, pois estamos acostumados a recibir todos os días datos e información de forma rápida e inmediata”.

Case ao final da súa intervención aproveitou para facer mención da inminente celebración do Campeonato Oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2024, que terá lugar os vindeiros luns e martes tamén en Ifema e contará con representante da provincia. “O restaurante Hotel Mercure Lugo-Brasas Brancas, que levou o primeiro posto do xurado técnico no último Concurso de Tapas de Lugo, será quen nos represente coa tapa Salmonete de Burela sobre parmentier de apionabo, zamburiñas de la ría, espuma de nécora, caldito de algas y aceite de oliva virgen extra de Quiroga”, detallou.

Na presentación tamén estiveron autoridades dos ámbitos local e rexional así como representantes de diferentes colectivos da provincia.

A guía online, nesta ligazón:

https://apehl.org/es/guia-turistica/