APEHL

Presentada a nova xunta directiva de Hostelería de Galicia presidida por Cheché Real

11.06.2021. As oficinas centrais da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) en Lugo acolleron esta mañá a presentación da nova xunta directiva da Confederación Empresarial de Hostelería e Turismo de Galicia, Hostelería de Galicia, entidade formada polas catro asociacións provinciais de hostalería da comunidade galega que será presidida por Cheché Real.

No acto estiveron presentes Héctor Cañete, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña; Ovidio Fernández, presidente da Federación de Empresarios de Hostalería de Ourense; César Sánchez Ballesteros, presidente da Federación Provincial de Hostalería de Pontevedra, e o propio Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo; acompañados por José Luis Yzuel, presidente da Confederación Empresarial de Hostelería de España, e Javier Manchón, responsable de Relación con Asociacións.

Real recoñeceu que presidir Hostelería de Galicia era para el “unha grande honra e ao mesmo tempo un gran reto, pois o sector pasou por un ano moi difícil”. Subliñou que as perspectivas de cara ao verán eran positivas, pero que “a volta aos establecementos de hostalería debía facerse con moito sentidiño, pois non podemos permitirnos unha indesexable volta atrás”.

Ademais, cualificou de esencial que o proceso de vacinación siga un ritmo rápido, porque “a recuperación da economía está estreitamente ligada con este proceso”, unha idea que remarcaron todos os representantes presentes do resto de asociacións.

Pola súa banda, o presidente de Hostelería de España, José Luis Yzuel, agradeceu a cobertura da prensa en todo este tempo “para facer públicas as demandas e necesidades de todo o sector hostaleiro”, insistiu en que “as perspectivas de futuro si son esperanzadoras e a tendencia económica do sector é positiva” e lamentou que as axudas ao sector que se están pondo en marcha estean dirixidas ao pago de débedas, pois “non só son necesarias para ese fin. O que fixo os deberes en todo este tempo, non vai ter dereito a elas”.

José Luis Yzuel, xunto a Héctor Cañete, Ovidio Fernández e César Sánchez Ballesteros, felicitou a Cheché Real por este novo cargo e todos lle transmitiron o seu apoio para esta nova etapa.

Os representantes das asociacións provinciais de hostalería da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra recoñeceron a necesidade dunha voz única e potente para a defensa e promoción da hostalería galega.