APEHL

Presentado o Programa Integrado de Emprego da Apehl

24.02.2020. A sede da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) acolleu esta mañá a presentación do Programa Integrado de Emprego que desenvolve esta Asociación dende o 15 de novembro de 2019 e durará ata o 14 de novembro deste ano. A través desta iniciativa contactarase con máis de 100 persoas demandantes de emprego de Lugo e de Monforte de Lemos.

O acto contou coa presenza de Pablo Casal, director xeral de Orientación e Promoción Laboral; José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e Jacobo García-Bobadilla, secretario da Apehl.

Pablo Casal salientou que “A Xunta de Galicia está apostando pola formación xa que o persoal cualificado é fundamental para o crecemento e o desenvolvemento correcto das empresas”.

Pola súa parte, García-Bobadilla insistiu nesta mesma idea, pois “o persoal é o activo máis importante que temos nos establecementos hostaleiros e necesitamos traballadores ben formados”.

O programa contará coas seguintes accións:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Formación transversal en idiomas, competencias dixitais para o emprego, prevención de riscos, intelixencia emocional, busca de emprego

c) Formación para o emprego.

d) Realización do certificado de profesionalidade.

e) Prácticas non laborais en empresas.

f) Prospección empresarial.

g) Emparellamento de ofertas de traballo cos participantes.

h) Medidas de conciliación da vida familiar e laboral.

Está dirixido a mulleres, persoas desempregadas menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas desempregadas con discapacidade e persoas inmigrantes desempregadas.

A Asociación conta cumprir co obxectivo de alcanzar un mínimo do 45 % de insercións laborais.