APEHL

Presentado en Fitur un novo volume da guía turístico-gastronómica "... E para comer, Lugo"

  • A Feira Internacional de Turismo de Madrid foi o escenario elixido unha vez máis pola Apehl para o lanzamento dunha nova guía da colección …E para comer, Lugo, unha das iniciativas clave da Asociación para a promoción da provincia no seu conxunto como destino turístico e gastronómico.
  • A novidade desta edición é que presenta en diversos soportes os diferentes recunchos da provincia.

22.01.2020. O acto tivo lugar no stand de Galicia en Fitur, onde o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; a edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro; a delegada da Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.

Co título Lugo, mucho por descubrir, o volume presentado por Real é xa o décimo terceiro da colección de guías turísticas …E para comer, Lugo e este ano ten como obxectivo transportar ao lector aos lugares con máis encanto da provincia. A idea responde a un álbum de viaxe a través do cal se comparten os mellores recordos, sensacións e imaxes a través dos que coñecer a natureza, o patrimonio, a cultura e a gastronomía de todos e cada un dos concellos lucenses.

O libro conta con 132 páxinas que se distribúen en catro apartados ben diferenciados. No primeiro deles faise un percorrido polos 67 concellos lucenses en sete capítulos, sete zonas xeográficas nas que foi dividida a provincia: A Mariña, a Terra Chá, a Montaña, as localidades que rodean ao Camiño Francés, a Ribeira Sacra, os arredores de Lugo e Lugo como capital. É nesta parte onde se encontra a novidade, pois o lector poderá achegarse aos rincóns que se describen nestas páxinas a través dos códigos QR salpicados polas diferentes fotografías da guía. Cun simple escaneo co móvil, poderá sentirse nos lugares dos que se fala visualizando os vídeos que se lle proponen. 

Os outros tres capítulos son seccións habituais, como os resultados dos concursos de tapas de Lugo e Monforte de Lemos, o álbum dedicado á presenza da Apehl na Vuelta Ciclista a España e o directorio no que se poden atopar todos os establecementos asociados da provincia de Lugo. Tamén conta cun mapa dos Camiños de Santiago que percorren a provincia por un total de 800 quilómetros de ruta e un índice cos servizos turísticos, transportes, estradas e webs de información máis destacadas.

Cunha tiraxe de 15.000 exemplares, a publicación distribúese en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á Apehl, así como en todas as etapas da Vuelta Ciclista a España.

Ademais seguirá contando coa edición dixital nas webs www.apehl.org e www.eparacomerlugo.es, onde se poderán visualizar os vídeos directamente sen escaneos.

O presidente da Asociación, tras facer fincapé na importancia de seguir promovendo a provincia de maneira conxunta, afirmou que “esta é unha cita xa habitual para nós. Vir  Fitur significa promocionar Lugo como destino de maneira activa”.

APOIO LOCAL E REXIONAL

Tras a presentación da nova guía, a alcaldesa de Lugo agradeceu o labor da Asociación ao longo dos seus máis de corenta anos de historia para a promoción turística de Lugo e subliñou que “a gastronomía e Lugo, Lugo e a gastronomía forman un binomio inseparable”.

Por su parte, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, destacou a importancia do turismo gastronómico para Lugo, manifestando que “só si se continúa traballando nunha mesma dirección se potenciará a industria turística de Lugo, con gran potencial”.

Nisto tamén insistiu Román Rodríguez, ao asegurar que “os turistas valoran tres motivos principais para seleccionar os seus destinos: paisaxe, gastronomía e patrimonio cultural. Lugo é unha auténtica potencia neste sentido”.

Ademais tamén estiveron presentes autoridades dos ámbitos local, rexional e nacional, e representantes de asociacións de produtores.

A guía online, nesta ligazón:

https://apehl.org/es/guia-turistica/