APEHL

Publicadas novas medidas para paliar os efectos económicos da covid-19

04.02.2021. O Real Decreto-lei 3/2021, de 2 de febreiro, publicado no Boletín Oficial do Estado, recolle novas medidas económicas e sociais que amplían a cobertura e prorrogan o prazo de solicitude das moratorias financeiras para paliar os efectos económicos da covid-19.

Coa súa publicación o Goberno pretende reforzar a solvencia das empresas do sector do transporte e do turismo cuxa situación económica se vise afectada pola pandemia e reforza o apoio e alivia a carga financeira de fogares e traballadores autónomos.

SECTOR TURÍSTICO E TRANSPORTE

As empresas do sector turístico poderán solicitar unha moratoria dos préstamos con garantía hipotecaria dos inmobles destinados ao desenvolvemento da súa actividade como hoteis, aloxamentos turísticos e locais de axencias de viaxes.

As empresas de transporte de viaxeiros ou mercadorías poderán aprazar os pagos do principal das cotas dos seus préstamos, leasing ou renting.

Ata o 30 de marzo deste ano, os fogares, traballadores autónomos vulnerables e empresas dos sectores do turismo e o transporte poderán solicitar o adiamento, ata un total de nove meses, do pago do principal e os intereses dos seus préstamos con e sen garantía hipotecaria.

No caso dos créditos hipotecarios, poderán solicitar unha moratoria quen estean a pagar cotas hipotecarias pola adquisición da súa vivenda habitual, local no que desenvolvan o seu negocio ou vivenda destinada ao aluguer e deixasen de percibir cotas do seu inquilino debido ao estado de alarma.